Hoxe venres, 25 de febreiro de 2022, terá lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ás 19:00 h, a entrega das Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega, unha distinción instaurada en 2018 para recoñecer o labor de persoas que sobresaen polos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral. Nesta edición recibirán o galardón Luís García Montero, actual director do Instituto Cervantes, e Helena González, profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona, como recoñecemento ao seu labor de promoción da lingua e cultura galegas no exterior. O acto é de acceso libre e será tamén retransmitido en directo a través da páxina web do CCG. Podes ampliar información premendo aquí.

