A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta catro novas pezas audiovisuais da súa colección Dicionarios de ida e volta, que se suman ás seis presentadas en 2020. O obxectivo é difundir a experiencia de persoas migrantes que viven en Galicia, poñendo o foco no poder integrador que ten a lingua galega nas súas vidas. No marco deste proxecto elaboráronse tamén cinco cuñas de radio para difundir as mensaxes que promoven os vídeos e 12 carteis coas imaxes dos protagonistas. Así mesmo, organizaranse dez obradoiros didácticos en diferentes IES de Galicia.

