A partir dunha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, membros da Policía Nacional establecidos en Galicia demostran a súa aposta polo galego publicando, xunto con coñecidos escritores galegos, Palabra
por palabra. Contos da policía.
(Máis información)
Neste libro de relatos compílanse os traballos literarios de varios comisarios xefes de Galicia, policías da escala básica do Corpo Nacional e da Policía Autonómica e membros da Policía Local, ademais das colaboracións de recoñecidos escritores galegos como Helena Villar, Tucho Calvo, Carlos G. Reigosa, Xosé Neira Vilas ou Antón Riveiro Coello. A obra está publicada por Ir Indo e presentarase en Santiago a mediados de xaneiro.
Outras iniciativas que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística desenvolverá en breve son a elaboración dunha declaración a prol da lingua galega asinada por cinco sindicatos policiais e a distribución dun opúsculo con formularios da policía científica en galego, autoría de Xosé L. Gallego, da comisaría de Vigo.

