A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense entre outras entidades, presentaron onte a programación institucional conxunta para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. Á sesión plenaria da RAG, que se desenvolverá o 17 de maio en Córgomo, súmanse publicacións conmemorativas, propostas didácticas, campañas no sector comercial, exposicións ou un especial da Televisión de Galicia, co nome de Tanxuverbena, entre outras moitas actividades que terán como punto de referencia a comarca de Valdeorras. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o vindeiro mes de xuño un congreso sobre a importancia do exilio na creación de identidades e editará unha versión facsimilar do Cancioneiro da loita galega. Todo isto dentro dun programa de actividades que comezou o pasado mes de xaneiro coa creación do espazo web “Florencio Delgado Gurriarán: Día das Letras Galegas 2022”, onde poderás ir coñecendo novas iniciativas.

