O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, que comeza unha nova etapa da súa andaina baixo a dirección de Goretti Sanmartín, presenta dúas novas actividades de dinamización destinadas a fomentar o uso do idioma galego entre a comunidade universitaria.
Estas actividades son a convocatoria de axudas á investigación en lingua galega e o I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras.
(Máis información)
A convocatoria de axudas á investigación ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito da investigación académica e poderán optar a elas todos/as os/as estudantes que realicen a súa tese de doutoramento, tese de licenciatura, traballo de investigación de terceiro ciclo ou proxecto de fin de carreira en lingua galega durante o ano 2004.
O I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras quere fomentar o compromiso da comunidade universitaria co proceso de normalización lingüística do galego, así como apoiar as actividades relacionadas coa dinamización e planificación lingüística no ámbito académico. O premio contempla dúas modalidades de participación: artigo xornalístico e deseño dunha campaña de promoción da lingua galega.

