O alumnado de bacharelato de catro centros de ensino medio da comarca de Ferrolterra (IES Carvalho Calero, IES Concepción Arenal, IES Sofia Casanova e IES Punta Candieira) está a participar estes días no proxecto "Laboratorio de Apoderamento Lingüístico", un proxecto piloto de dinamización do uso do galego e de xestión do conflito lingüístico na mocidade, desenvolvido pola cooperativa Rexenerando ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Os principais obxectivos do programa son a creación de espazos seguros para o uso do galego, a análise dos prexuízos existentes arredor do idioma propio e o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas a prol do galego formada polos propios mozos e mozas participantes. Entre os días 13 e 27 de outubro o alumnado terá ocasión de traballar en grupo cos compañeiros/as de aula e posteriormente, o 11 de novembro, terá lugar un encontro intercentros para expor as propostas e recursos compilados. O programa rematará cun acto de peche, o 29 de novembro, onde se proxectará un vídeo resumo e se presentarán os resultados á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade. Podes manterte ao tanto do desenvolvemento desta iniciativa a través da conta de instagram @laboratorio_lingua.

