Co gallo da celebración, o vindeiro 26 de outubro, do Día da Biblioteca, o Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan o AgoraSón 2022, unha iniciativa de carácter musical que nesta edición terá como protagonista a Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, que acaba de recibir o Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica.
O evento terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora o 22 de outubro de 2022 ás 21:00 horas. A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. Entregaranse un máximo de dúas invitacións por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo. As invitacións sobrantes (de ser o caso) estarán ao dispor do público xeral o mesmo día do concerto, a partir das 20:00 h, na conserxería do Centro Ágora. Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.

