21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna


Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2023 as actividades programadas xirarán arredor do eixo temático "Educación multilingüe: unha necesidade para transformar a educación".
No ámbito galego, a Xunta de Galicia organizará, como é costume, un acto institucional conmemorativo, que nesta edición terá lugar na Escola Infantil de Vite, en Santiago de Compostela. No marco deste acto celebrarase tamén o concerto de música infantil "Gatuxo", dirixido aos bebés e ás súas familias, e interpretado polos músicos Magín Blanco e María Faltri.