A USC convoca a primeira edición do concurso "Vémolo Nós"


O Servizo de Normalización Lingüística e as Comisións de Normalización Lingüística dos distintos centros e organismos da Universidade de Santiago de Compostela convocan a primeira edición do concurso de vídeos "Vémolo Nós", dirixido a todos os membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2022/2023. O certame ten como obxectivo promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. Os vídeos deben presentarse en lingua galega, en formato 16:9 e cunha duración máxima de cinco minutos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das seguintes categorías: Divulgación do coñecemento, Descubrindo a USC e A utilidade do galego. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de maio de 2023.
Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.