A Real Academia Galega e o Concello de Ames organizan un acto de presentación e valoración dos resultados da experiencia de compromiso lingüístico que se desenvolveu durante tres semanas en sete centros de educación infantil e primaria de Ames, no marco do proxecto Modo galego, actívao! . O acto, de entrada libre, terá lugar hoxe, 22 de marzo de 2023, ás 19:00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nel intervirán Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística; Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario; Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames; Enrique Gil Gil, coordinador do EDLG do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e Mª. Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño. No transcurso do acto tamén se estreará un vídeo de sensibilización a favor do galego gravado polo alumnado participante na experiencia de compromiso lingüístico.
Podes ampliar información sobre este acto nas páxinas web da RAG ou do Concello de Ames.

