A Deputación da Coruña fixo públicos os/as gañadores/as dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Na categoría de persoas, nesta edición o xurado acordou premiar a Daniel Romero, xestor cultural e técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, por "abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua”, así como polo seu “exemplo, coherencia e compromiso” na súa traxectoria de máis de 40 anos dedicados á normalización lingüística. Na categoría de entidades, o galardón recaeu ex aequo no Museo do Pobo Galego e en Orgullo Galego, por seren ambas propostas "divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural". Pola súa parte, a iniciativa Pakolas. Rock infantil e familiar en galego foi premiada na categoría de proxecto de dinamización lingüística, por "utilizar unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua".
Para ampliar información, preme aquí.

