O alumnado do IES Manuel Murguía (Arteixo) desenvolveu durante os últimos meses un estudo sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística da súa contorna. O traballo realizouse no marco dun proxecto de colaboración entre este centro educativo e a Universidade de Santiago de Compostela, polo que contaron coa colaboración das investigadoras da USC María Caamaño, Gabriela Prego e Luz Zas. Trátase dun proxecto educativo de carácter etnolingüístico que incluíu enquisas, dramatizacións, videocreacións e microrrelatos. Os resultados foron presentados no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía (USC) o pasado 23 de maio de 2023, nun acto que pode verse na canle de Youtube da USC.

