Como xa contamos, o día 19 foi tomada en consideración a proposición de modificar o Regulamento do Congreso en canto ao tratamento das distintas linguas recoñecidas na Constitución. A maioría absoluta acadada na votación permitiu continuar co procedemento e convocar un novo pleno o día 21 de setembro, en que se aprobou definitivamente a modificación do Regulamento sobre o uso das "linguas que teñan carácter de oficial nalgunha comunidade autónoma", co engadido dunha emenda presentada por EAJ-PNV: "no prazo máis breve posible", a Mesa "tomará os acordos necesarios para que as iniciativas lexislativas, unha vez aprobadas definitivamente pola Cámara, sexan publicadas na correspondente publicación oficial do Congreso dos Deputados, con carácter de versión auténtica, nas linguas que teñan carácter oficial nalgunha comunidade autónoma, de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía".
Este dereito afecta a todos os órganos da actividade parlamentaria e xa provocou reaccións de apoio como a difusión do manifesto Queremos galego no Congreso, asinado por personalidades da vida cultural e social galegas.
Ademais de felicitarse pola chegada desta tardía decisión, instan os deputados e deputadas representantes de Galicia a que "sexan consecuentes co compromiso co seu país e empreguen a lingua galega a partir de agora en todas as intervencións que realicen, contribuíndo desta maneira non só ao seu coñecemento e divulgación, senón tamén ao seu prestixio e normalización".

