O Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo organizan a quinta edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia e, ao tempo, axudar a crear un repertorio musical en galego para coros. Nesta edición, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia interpretarán poemas de Álvaro Cunqueiro, A. Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Aquilino Iglesias Alvariño e Xosé Díaz Jácome. O concerto, dirixido por Maximino Zumalave co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass, celebrarase o vindeiro venres, 2 de xuño de 2017, ás 17:30 h, na Praza da Catedral de Mondoñedo.

