Maruja Roca

Castro de Rei - Lugo

Biografía

----
Álbum de Galicia

Maruja Roca

Castro de Rei, 12/ 3/1912 - Lugo, 11/4/2011

Autoría: Nieves Neira Roca

DOI: 10.17075/adg.2021.23664

Unha das fotógrafas máis asombrosas de Galicia



Os álbums de fotos das casas de Becerreá son distintos aos de calquera outra vila do país, ou do mundo. Nesas páxinas dos anos 40 e 50, cando a fotografía xa se asumira como testemuño da memoria e do relato familiar, brillan certas imaxes. Escintilan, coma portais de tempo, coma pegadas de alguén que logrou coarse nelas dende o futuro. O nome desa estrela no ceo escuro é o de Maruja Roca, un nome que ecoa polo alto e polo baixo alí, nesas serras orientais de Lugo que ela quixo achegar ao mesmo Oriente. Foi a súa unha epopea nun cuarto escuro dentro da casa, cociñeira ou alquimista, a Merlín adiantada entre líquidos e ríos e correntes e estradas.

Maruja Roca naceu en Castro de Rei no ano 1912, un lugar de tránsito para unha familia acomodada de industriais que viña de Guitiriz e que catro anos despois se establecería en Baralla. Nesta vila, levedada co influxo da N-VI, montaron un café con fonda. Un balcón ao mundo do tamaño dun mostrador para unha nena coa curiosidade de se asomar a todo canto ía e viña da Meseta, unha caixa de resonancia das historias que atravesan o mundo dun lado a outro. As mesmas vangardas chegaron alí da man de Evaristo Correa Calderón, veciño e amigo da familia, e tamén nese lugar debeu medir por primeira vez a luz cunha cámara nas mans. Sobre eses primordios, porén, nada está escrito, pero a memoria familiar asóciaos coas saídas que tería feito co seu irmán maior polas feiras cunha cámara de fol, ou co asombro que deberon causar as presenzas de Ruth Matilda Anderson e do etnógrafo alemán Walter Ebeling na comarca a mediados dos 20 e a comezos dos 30.

O inicio, coma sempre, pertence ao misterio, pero a historia sabe que, acabada a guerra, Maruja Roca foi casar a Becerreá, e alí se serviu dese recurso, a fotografía, como apoio económico, converténdose nunha das poucas mulleres en exercer o oficio na Galicia da posguerra, e tamén, como dixemos, para mover as terras de sitio. Porque todo o que fotografou Maruja Roca, fosen encargos para comuñóns ou retratos de familia, foi tocado pola súa variña, polo seu feitizo. Por ser muller, serán moitas as veciñas que a elixirán para retratarse, cómplices e amigas, estrelas dun filme do Gran Cinema, inventoras dunha liberdade insólita para a época e que inda hoxe non parece ter rematado. Por outro lado, se ben non puido asumir a itinerancia que o oficio comportaba naqueles tempos por se comprometer coas tarefas de coidado de tres crianzas, si soubo aproveitar a corrente de todo canto chamou ás portas da súa casa: ambulantes, feirantes ou xitanas, detidos nalgún punto da historia que para eles inventou, do arco afinado da súa fabulación, tan vistos e recoñecidos coma amados e soñados. Nos retratos, a súa filla e os seus fillos —Marisú, Suso e José Luis— vólvense protagonistas de viaxes polos Mares do Sur e polo lago Baikal seguindo os fíos da seda ou, xa detidos nas augas quedas dun té no arquipélago nipón, temibles bandoleiros en contra do terror do mundo, piratas con panos de fondo vibrantes entre os prados e montes de Becerreá, postais para sacar algún peso e frecha lanzada por riba do cordal. Así se estenden as súas fotografías, coma ollos asombrados.

Entre unha fachada asomada á N-VI, veciña do cinema da vila que abriu as súas portas en 1947, e outra vista de lonxe polos Ancares, construíu un laboratorio caseiro, illado da luz co algodón de chisqueiro nas fendas e cheo de potas, palanganas e pratos sopeiros onde cocer o mundo de novo. O seu fillo, Suso López Roca, recorda que a ampliadora era un proxector de diapositivas vido dun rastro ou que un caixón con patas, bombilla e timbre lle servía para medir a exposición das copias por contacto. Na sala para os retratos de estudio, na mesma casa, un caldeiro de zinc furado polo medio era o único foco e un espello, na man dalgún dos fillos, daba dirección á luz. Eses eran os medios que tiña Maruja Roca, ademais dos materiais que encargaba aos fotógrafos que visitaban a vila ou que ela mesma compraba en Lugo cando viaxaba á cidade. Eses eran os medios, e o desexo, capaz de poñer a andar unha carroza sen rodas.

Consciente, si, do seu valor, Maruja Roca publicou unha imaxe en Vida gallega a mediados dos anos 50, animada quizais polo notario oriúndo da vila Alberto Casal Rivas, e é posible que esa non fose a única tentativa de difundir o seu traballo. Porén, as súas fotografías non figuran asinadas e só no reverso dalgunhas aparece o selo JEMA, acrónimo de Jesús e Maruja, coas iniciais do marido en primeiro lugar e ocultada, por tanto, nunha autoría compartida que non foi tal. Cando este enfermou a finais dos 50 e morreu anos despois, ela viuse obrigada a deixar a fotografía por precisar dunha fonte de ingresos maior coa que sacar adiante os fillos.

Así, o cuarto escuro apagouse, e unha tricotosa sumouse ao rumor da estrada ao seu paso por diante da casa. E aínda alí atopou fíos soltos dos que prenderse para seguir empuxando as terras pouco a pouco. Da fabulación da fotografía ficou un nome, o de Maroca —acrónimo de Maruja Roca Calvo—, cosido como marca a esas prendas para as actrices do Hollywood de Becerreá, ou Marianela, co que entrados os 2000 colaboraría na Radio Galega. Do pano de fondo quedou a pintura, que descubriría a finais dos 60 e da que faría unha nova fonte de ingresos. Non é esaxerado dicir que cada casa de Becerreá ten algún cadro asinado por ela: pallozas, igrexas, prados, flores, Ancares de regreso. Arredor dos 80 anos, Maruja Roca quixo seguir asomada ao balcón do mundo, como colaboradora da Asociación A Pipa, creada a finais dos 80 por un grupo de mozos e mozas liderados por Afonso Becerra, e tamén seguir viaxando, con preto de 72 postais enviadas cada ano con cadanseu debuxo, até case a súa morte en 2011.

No ano 1988 a asociación de veciños da vila dedícalle unha exposición á súa fotografía e pintura, que tamén centran varios números da revista A Pipa nos anos 90. Nesas páxinas viu o seu nome recoñecido como a fotógrafa e pintora Maruja Roca. Non obstante, a súa obra só rebordaría da súa terra no ano 2020, co libro no que a colección Cámara Escura da Central Folque reuniu gran parte do arquivo, até entón espallado na constelación de álbums familiares dese universo de Becerreá. A publicación, ao coidado de Eutropio Rodríguez como editor fotográfico e con investigación e textos de quen escribe, presentouse a finais dese ano en Becerreá, na recuperada feira do día 12 de decembro. E si, parte do balbordo daquel día pronunciaba o seu nome mentres as montañas, ao lonxe, cambiaban de sitio.

BIBLIOGRAFÍA
Neira Roca, Nieves (2020): O feitizo de Maruja Roca. Edición de Eutropio Rodríguez. Santiago de Compostela: aCentral Folque.

Como citar: Neira Roca, Nieves : Maruja Roca. Publicado o 4/3/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27451. Recuperado o 07/04/2025

Documentación
Ligazóns