Ángela Pardo Celada

Becerreá (Lugo) - Lugo

Biografía

----
Álbum de Galicia

Ángela Pardo Celada

Becerreá (Lugo), 11/ 3/1904 - Lugo, 25/9/1988

Autoría: María Isabel Fernández García

DOI: 10.17075/adg.2022.23785

Doutora en Medicina, foi a primeira xinecóloga e puericultora lucense

A primeira muller en doutorarse en Medicina, Ángela Manuela Pardo Celada, naceu en Becerreá o 11 de marzo de 1904 e faleceu o 25 de setembro de 1988. O seu pai, José Pardo Alfonso, nado en Neira de Xusá (Lugo) foi médico xinecólogo e a súa nai María Luísa Celada López, de Fuentelsaz (Guadalajara), foi ama de casa. O matrimonio tivo catro fillas e todas tiveron carreiras profesionais, non sendo Eulalia: María del Carmen foi mestra e licenciada en Filosofía ademais de bibliotecaria; María Luísa exerceu como Mestra en prisións e María Teresa sería enfermeira e parteira en Lugo.

Ángela estudou a educación primaria en Lugo e o bacharelato no Instituto Nacional de Segunda Enseñanza mediante ensino non colexiado entre 1914 e 1919, aínda que o curso de 1919 a 1920, o fixo seguindo o ensino oficial. Daquela, segundo a foto de final de bacharelato, na que aparecen cos seus dous profesores, o alumnado estaba formado por quince homes e dúas mulleres. O seu expediente é excelente.

Marcha a Madrid no ano 1920 a comeza a estudar Odontoloxía, aínda que ao ano seguinte cambiou a Medicina. Termina no curso 1927. Estivo durante a súa etapa de estudante na Residencia de Señoritas. Na súa promoción na Facultade de Medicina de Madrid comezaron trece mulleres, das que unha abandonou xa no primeiro curso e catro non continuaron polo que só se licenciaron oito, segundo ela mesma informa na entrevista que publica El Progreso o día 5 de setembro de 1982.

Fixo os estudos de Doutoramento no laboratorio da Facultade de Medicina e presentou a súa tese anos máis tarde co título: Contribución al estudio de la colesterina en el embarazo, parto y puerperio normal, patológico y enfermedades generales relacionadas con el embarazo, coa que acadou a cualificación de Sobresaliente. A acta de presentación e defensa da memoria da tese é do 13 de xullo de 1940. Porén, o título foi expedido dous anos máis tarde, o 17 de abril de 1942, e seguramente a causa foi o prezo do depósito do título —592 pesetas—, que nesa época era unha cantidade considerable, sen contar o custo da matrícula. Convértese, daquela, na primeira Doutora en Medicina de Lugo e en case a única entre a profesión médica en toda a provincia e en Galicia.

Carreira profesional
En 1927, ao rematar a carreira, comeza a exercer como médica na Residencia de Señoritas de Madrid e a traballar no hospital e no laboratorio da Facultade de Medicina, especializándose en Xinecoloxía.

En 1930 marchou a Alemaña, onde permaneceu un ano cunha bolsa da JAE en Hamburgo, na Facultade e no Hospital de Eppendorf, formándose cos profesores Heynemans e Roedelins.

De volta a Madrid traballou de novo de médica auxiliar no Laboratorio de Fisioloxía co doutor Juan Negrín e foi Inspectora local de Sanidade. Foi médica interina no hospital San Carlos durante tres anos, médica axudante do doutor Manuel Varela Radio, catedrático de Obstetricia na Universidade Central, no hospital San Carlos e na maternidade de Santa Cristina.

No ano 1932 solicita unha praza de médico tocólogo no hospital de Santa María, en Lugo. Non obtivo o posto malia ser unha candidata moi preparada e cun bo currículo. Tal como relata o xornal El Progreso do día 22 de novembro de 1932, a resolución foi un escándalo. Por fin, establecerase en Lugo no ano 1937 cunha consulta privada no segundo andar do edificio número 30 da rúa de San Pedro. En 1940 trasládase ao primeiro andar do número 5 da rúa Xeneral Franco, onde permanece antes de establecerse definitivamente no Campo Castelo, n.º 7-1º, ata a súa xubilación

Traballou na maternidade dun dispensario da rúa 18 de Xullo, hoxe nomeada Camiño Real. En setembro de 1937 solicita ao Presidente da Deputación Provincial de Lugo prestar servizos na Casa de Maternidad y Expósitos de Lugo gratuitamente como médico auxiliar na súa condición de cirurxiá especialista en partos e enfermidades da muller e en pacientes infantís, que se lle concede sen que teña nomeamento nin efecto económico, nin recoñecemento de méritos. Posteriormente, en novembro de 1940 solicita que lle sexa asignada unha dotación económica que lle foi concedida. Máis adiante pasou a formar parte do equipo de profesionais en medicina da institución. Como vemos nunha foto desa época, foi a única muller médica de equipo.

Preocupada pola situación da muller e na procura de que tivesen unha maior formación, no ano 1937 organizou un curso como profesora de enfermeiras tal como informa El Progreso do día 16 de febreiro de 1937 e repetiuno en 1939. Participa como profesora no 1º Cursillo de iniciación de Puericultura para señoras y señoritas, organizado pola Inspección Provincial de Sanidade de Lugo, segundo noticia de El Progreso do 19 de xuño de 1938 que inclúe un resumo da intervención da doutora Pardo Celada. Foi Xinécologa da Seguridade Social no Hospital Xeral de Lugo, onde chegou a ser Xefa do Servizo ata a súa xubilación.

Outros datos
Como coñecedora do idioma alemán durante a súa estadía no ano 1930 en Hamburgo, exerceu como profesora auxiliar de Alemán no curso 1940 no Instituto Masculino de Lugo. Participou nos congresos galegos de xinecoloxía onde coincidiu con Olimpia Valencia López, natural de Ourense e xinecóloga en Vigo.

O seu itinerario profesional foi silenciado durante anos, e non é nomeada entre o profesionais médicos lucense malia ser a primeira muller xinecóloga e doutora en Medicina, tal como se mostra na foto con compañeiros no Hospital Provincial e mesmo na homenaxe que lle dedicaron con motivo da súa xubilación, onde segue figurando como a única muller. Cumpría, así pois, o estudo e posta en valor do importante labor realizado por esta gran profesional para que, por fin, se lle recoñezan os seus méritos.

Precursora en todos os campos, preparábase lendo revistas científicas e asistindo a congresos da súa especialidade nos que presentou algunhas comunicacións científicas. E mesmo, nun momento no que precisou coidados específicos para a súa saúde, non dubidou en marchar a Alemaña para someterse a unha intervención cirúrxica e seguir unha terapia innovadora.

Nunha entrevista de Carmen de Jesús no xornal El Progreso, publicada o 5 de setembro de 1982, comenta a situación da muller en España e en Lugo, fala da súa vocación e de como o exemplo das dúas primeiras médicas galegas daquel tempo, así como o do seu propio pai, a animaron a estudar Medicina.

Sobre as súas cualidades humanas, destaca a súa xenerosidade ao ofrecerse como xinecóloga e puericultora de maneira gratuíta na Maternidade de Lugo e na asistencia a partos en domicilios particulares. Era unha persoa de trato agradable, traballadora, discreta e moi cariñosa cos nenos e as nenas. Foi unha das primeiras mulleres en usar pantalóns, coas connotacións que isto tiña nunha sociedade provinciana e as críticas que espertaba. Tamén foi das primeiras en andar en bicicleta e conducir un coche, un seiscentos.

Á idade de oitenta anos seguía moi activa e asistía a conferencias, a ioga e frecuentaba os viños coas súas compañeiras. Tamén gustaba da vida do campo, gozando da casa na zona de Fingoi de Lugo e dos predios nesa zona rural.

Fontes documentais
AHILA (Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti ), Caixa 479
AGA (Archivo General de la Administración) (05)020.000. Caixa 32/16027 Exp. 63. Expediente de doctorado
AXDPL (Arquivo Xeral da Deputación Provincial de Lugo) Sinatura 3266
Hemeroteca do xornal El Progreso de Lugo

Bibliografía
Fernández García, Isabel (2021): Pioneiras da cienca de Lugo . Lugo: Asciación Colectivo Egeria. ISBN: 978-84-09-31713-4
Fraga, Xosé Antonio (2007): Redes de coñecemento: a "Junta de Apliación de Estudios" e a ciencia en Galicia . Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Delegación de Galicia. ISBN 978-84-606-4471-2, 2007.
Gurriarán, Ricardo (2007): Mulleres galegas e Ciencia na rede formativa universitaria, primeiro terzo do século XX. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Comisión de Igualdade.
Pérez Pais, Carme (2006): «Olimpia Valencia: a primeira galega licenciada en Medicina pola USC», Álbum de Mulleres. http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=4&autor=Olimpia%20Valencia [Consulta: 2022-03-07]

Como citar: Fernández García, María Isabel : Ángela Pardo Celada. Publicado o 8/3/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=31205. Recuperado o 22/12/2024

Documentación
Ligazóns
Videos