Novas da lingua

Rexistros4171 a 4200 de 4427
26/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación dirixido aos membros e coordinadores/as dos equipos de normalización e dinamización lingüística, que se celebrará ao longo dos meses de abril e maio nas sete cidades galegas.

Para obter máis información sobre o programa desta actividade, así como sobre as datas das sesións e mais os prazos de inscrición, prema aquí.
26/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas lingua, literatura e nación

O Comité de Filoloxía da Universidade da Coruña organiza as
III Xornadas lingua, literatura e nación, que nesta edición xirarán arredor do tema “Normalizando a lingua, normalizado a nación”.

As sesións terán lugar os vindeiros días 21, 22 e 23 de abril na Aula Magna da Facultade de Filoloxía e a matrícula é de balde.

Se desexa máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
26/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Ouff Escola 2010

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense convocan o II Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XV Festival de Cine Internacional de Ourense.

A iniciativa está destinada ao alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2009-2010 e ten como obxectivo fomentar a creatividade audiovisual en lingua galega.

O prazo de inscrición remata o 15 de maio de 2010.
25/03/2010. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 25 de marzo de 2010, a convocatoria de 14 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (1 bolsa), Arquivo da Emigración Galega (1 bolsa), Arquivo de Comunicación (1 bolsa), Arquivo Sonoro de Galicia (1 bolsa), Área de Xestión Cultural (1 bolsa), Área de Informes (1 bolsa), web corporativo do CCG (1 bolsa), Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas) e Área Técnica (3 bolsas).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2010. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
24/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de carteis das Letras Galegas no Concello de Betanzos

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Betanzos, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un concurso de carteis destinado ao alumnado de educación primaria e secundaria do municipio.

O idioma empregado no cartel debe ser o galego e a súa temática debe xirar arredor da figura de Uxío Novoneyra, escritor homenaxeado este ano.


O xurado concederá un primeiro premio e mais dous accésits. A maiores, o cartel gañador será o que ilustre o programa de actividades das Letras Galegas 2010 do Concello de Betanzos.

24/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

XX Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 9 e 10 de abril de 2010 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto entre o 26 de marzo e o 8 de abril de 2010.

Se desexa máis información, prema aquí.

23/03/2010. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número do Cartafol Dixital correspondente ao mes de marzo.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Alejandra Mosquera, estudante de Enxeñaría técnica en informática de sistemas, a presentación dos V Premios «Comunicándomos», de publicidade en galego e a nova sobre as xornadas Achegándonos ao medio rural, organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, en colaboración co SNL e os Comités.
23/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para profesionais da tradución

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organiza un curso de galego, que ten como principal obxectivo facer un repaso das cuestións dubidosas, problemáticas e confusas que adoitan aparecer no traballo diario dos profesionais da tradución.

As sesións terán lugar os venres 9, 16, 23 e 30 de abril e
7, 14, 21 e 28 de maio
, en horario de 18:00 a 20:30 horas, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de preinscrición remata o vindeiro 29 de marzo.

Se desexa máis información sobre o programa do curso ou os trámites da matrícula, prema aquí.
23/03/2010. DINAMIZACIóN

Para animar en galego, sen escusas nin atrancos

A comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, presenta o segundo título dos Cadernos Xalgarete: Para animar en galego, sen escusas nin atrancos, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego no lecer educativo.

O caderno compila unha serie de textos onde diferentes profesionais comprometidos co idioma convidan aos animadores/as a combater os seus prexuízos e a animar en galego no tempo libre.
22/03/2010. INVESTIGACIóN

Lingua e futuro

O vindeiro mércores, 24 de marzo, ás 20:00 h, terá lugar na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) a presentación da obra Lingua e futuro, coordinada por Goretti Sanmartín e editada por Laiovento.

Trátase dun traballo colectivo que compila dez artigos, de once autores diferentes, ligados entre si polo obxectivo central de ofrecer alternativas actuais á situación da lingua galega.

No acto de presentación participarán Carlos Amoedo, Filipe Díez, Mariló Candedo, Manuel Núñez Singala, Mª Pilar García Negro, Xosé Ramón Freixeiro, Narciso de Gabriel, Sabela Rivas, Goretti Sanmartín e Xosé Manuel Beiras.
22/03/2010. DINAMIZACIóN

Camiño das culturas e das linguas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, cofinanciado pola Comisión Europea, que ten como obxectivo promover a diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago.

Entre as accións que se desenvolverán no marco deste proxecto salientan o establecemento dunha rede europea de axentes culturais, a organización de congresos e encontros, a posta en marcha dunha exposición itinerante e a creación dun portal web multilingüe.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
22/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Jornadas de cultura, língua e ensino

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), en colaboración coa Universidade da Coruña, organiza as I Jornadas de cultura, língua e ensino, que terán lugar os días 8, 9 e 10 de abril de 2010 na Facultade de Ciencias da Educación da UDC.

O prazo de inscrición remata o 26 de marzo.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de matrícula, prema aquí.
18/03/2010. INVESTIGACIóN

Un idioma preciso

Hoxe, 18 de marzo, ás 20:00 h, preséntase publicamente na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o proxecto editorial 2.0 Editora.

Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río, foi a obra escollida para inaugurar a colección folcsonomías, dedicada a textos de comunicación na sociedade da información.

O volume compila unha serie de artigos sobre a linguaxe utilizada na comunicación técnica e científica, propoñendo as solucións máis acaídas. Estes mesmos contidos, agora editados en papel, son tamén tratados nunha sección dixital do web do SNL da USC, coordinada polo propio autor.
15/03/2010. LEXISLACIóN

Proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron publicamente o “Proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, documento elaborado tras o período de consulta a diferentes entidades educativas e culturais en relación ás “Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”.

O proxecto debe ser agora debatido na Mesa Sectorial de Ensino, no Consello Escolar de Galicia e no Consello Consultivo, antes da súa aprobación definitiva.

Se desexa máis información, prema aquí.

12/03/2010. INVESTIGACIóN

Doce anos medindo a diversidade lingüística en internet

A Unesco publica o estudo Douze années de mesure de la diversité linguistique sur l’Internet: bilan et perspectives (inglés, francés), elaborado por expertos de Funredes e mais de Unión Latina, que vén a completar outro estudo previo sobre esta mesma temática publicado pola Unesco en 2005, Mesurer la diversité linguistique sur Internet (inglés, francés).

O estudo actual, baseado nas linguas románicas, no inglés e mais no alemán, presenta os diversos métodos empregados nos últimos doce anos para medir a diversidade lingüística en internet, cuestionando algúns dos principais resultados.

No que respecta ás “linguas locais de países desenvolvidos” (grupo no que inclúe o galego), considera que están ameazadas pola forte presión do inglés e mais das respectivas linguas estatais. Neste grupo, o catalán é presentado como un exemplo de éxito.
12/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 2 e 30 de xullo de 2010.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
08/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a rotulación en lingua galega no comercio muradán

O Concello de Muros, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca subvencións destinadas a fomentar a rotulación permanente en lingua galega de establecementos comerciais situados na praza de Abastos municipal. O obxectivo das axudas é darlle visibilidade ao galego no recinto e, ao mesmo tempo, dinamizar este mercado, de nova creación na vila.

O prazo de solicitudes é dun mes, a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.
09/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

A debate no CCG os modelos de oficialidade e mais a regulación lingüística no ensino

O vindeiro 16 de marzo de 2010 terá lugar a segunda sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, que xirará arredor dos modelos posibles de oficialidade e mais da regulación lingüística no sistema educativo.

Esta segunda sesión contará cunha intervención a maiores das que figuran no programa. Ás 19:00 h o profesor José Manuel Vez Jeremías pechará a sesión co relatorio: “A introdución do uso vehicular das linguas estranxeiras no currículo educativo. Modelos europeos”.

Se desexa asistir a esta sesión, envíenos os seus datos a través do seguinte formulario. Atenderemos todas as solicitudes ata completar a capacidade do salón. A súa praza só está garantida se recibe un correo de confirmación.

05/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Audios das Xornadas de análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias


Xa están accesibles, no web do Consello da Cultura Galega, as gravacións dos relatorios presentados nas Xornadas de análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que tiveron lugar os pasados días 22 e 23 de febreiro de 2010.

Neste mesmo web están accesibles tamén os textos completos, ou resumos, dalgúns destes relatorios.

04/03/2010. DINAMIZACIóN

Chega a Vigo a exposición “Crónicas da represión lingüística”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e Acuarela Comunicación, coa colaboración de diversas institucións públicas e sociais de Galicia, inauguran hoxe en Vigo a exposición “Crónicas da represión lingüística”, mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936, que chega agora á cidade olívica despois de ter visitado diferentes puntos do país.

A exposición estará aberta ao público desde o 4 de marzo ao 22 deste mesmo mes no IES politécnico de Vigo (rúa Torrecedeira, 88).

03/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Presentación en Redondela do libro “55 mentiras sobre a lingua galega”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova presentación do libro “55 mentiras sobre a lingua galega”, primeira obra do colectivo Prolingua que foi xa presentada de xeito simultáneo o pasado 5 de febreiro en 69 localidades.

En Redondela o acto terá lugar o vindeiro venres, 5 de marzo, ás 20:00 h, na Casa da Cultura e contará coas intervencións de José Antonio Orge, Elisa Quintas e Xosé Henrique Costas.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de linguaxe non sexista no Concello de Zas

Co gallo da conmemoración do Día da Muller Traballadora, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas organiza ao longo deste mes de marzo varios obradoiros de linguaxe non sexista.

O principal obxectivo é fomentar o uso dunha linguaxe igualitaria, así como loitar contra os estereotipos lingüísticos sexistas.

Os obradoiros terán unha duración de 6 horas repartidas en varias sesións e desenvolveranse en Baio, Zas e Fornelos.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/03/2010. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital do mes de febreiro

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.


Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC; a nova sobre o uso dos idiomas na elaboración das teses presentadas na USC en 2009 ou a información sobre as mudanzas na acreditación do coñecemento do galego para o PAS.
01/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca a cuarta edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 5 e 26 de xullo de 2010.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse en Vigo e mais en Allariz, co ánimo de que o alumnado teña un coñecemento completo da realidade cultural e natural galega. A organización outorgará 25 bolsas de 450 € para os mellores expedientes entre os inscritos. O prazo de preinscrición remata o 23 de abril de 2010.

Se desexa obter máis información sobre os trámites da matrícula ou coñecer os contidos do curso, prema aquí.

24/02/2010. DINAMIZACIóN

Orgullosos do noso, orgullosos do galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.

A iniciativa, dirixida especialmente á comunidade educativa, mais tamén ao conxunto da sociedade, desenvólvese en dúas partes.
A primeira parte consiste na distribución de materiais (camisetas, adhesivos, marcapáxinas...) que levan estampado o lema da campaña.

A segunda parte baséase na difusión de dous vídeos nos que recoñecidos actores, actrices, músicos e xornalistas prestan a súa imaxe para amosar publicamente o seu orgullo polo idioma galego.
24/02/2010. INVESTIGACIóN

Preséntase o volume “Amor Ruibal filólogo”

Mañá xoves, 25 de febreiro, presentarase no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) o volume Amor Ruibal filólogo, que recolle as actas do Simposio internacional sobre a obra filolóxico-lingüística de Ángel Amor Ruibal (1869-1930), celebrado en Santiago de Compostela do 15 ao 17 de decembro de 2005.

No acto, que terá lugar ás 12:00 h, participarán Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, e mais os coordinadores do volume, Andrés Torres Queiruga, Antonio Domínguez Rey e Pablo Cano.
18/02/2010. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles na rede os relatorios presentados nas VI Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no Web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios das VI Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Xénero, que tiveron lugar os pasados días 26 e 27 de novembro de 2009.

Neste mesmo web, pódense tamén consultar e descargar os vocabularios publicados polo SNL no ano 2009 no marco da colección Profesionaliza a túa lingua.
18/02/2010. AXUDAS E PREMIOS

X Concurso de Relato Oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza este concurso, dirixido ao alumnado e ao profesorado, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias.

Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 16 de abril de 2010. A fase final do concurso celebrarase o 28 de abril en Santiago, no Teatro Principal.

Se desexa máis información, prema aquí.

12/02/2010. DINAMIZACIóN

Namórate da lingua

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta unha nova edición da campaña Namórate da lingua, que ten como obxectivo fomentar a creatividade e mais o uso do galego nas relacións sociais da mocidade.

A iniciativa concíbese de xeito interactivo, polo que as persoas que o desexen poden participar subindo unha fotografía ao web da campaña, xunto cunha frase ou slogan que fomente as relacións afectivas cara á lingua galega. As fotografías mellor valoradas serán premiadas. O prazo de participación remata o 19 de febreiro.
12/02/2010. DINAMIZACIóN

Curso de aproximación á cultura galega no Concello de Ribeira

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira e mais o IES Nº 1 de Ribeira organizan o curso Vivimos en Galicia. Curso de aproximación á cultura galega, dirixido a persoas inmigrantes que desexen aproximarse á realidade sociocultural e lingüística de Galicia.

As sesións desenvolveranse todos os mércores, de 10:40 h a 11:30 h, ata o 30 de xuño de 2010.

Para obter máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, debe dirixirse ao SNL municipal.