O Consello da Cultura Galega cuantifica o valor económico do galego


Hoxe, 6 de outubro de 2023, tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega a presentación pública do informe O valor económico do galego, no que se cuantifican, en termos de valor económico e emprego, as actividades asociadas á lingua galega.

No que respecta ao impacto directo, o estudo conclúe que “a contribución económica directa das actividades vinculadas ao galego ascende a 1440 millóns de euros de VEB e 27 702 empregos equivalente a tempo completo. Con respecto ao total da economía galega, xeran un 2,5 % do VEB. En termos de emprego, un 2,7 % dos postos de traballo equivalentes a xornada completa en 2019”.

Se sumamos a este cómputo tamén o impacto indirecto (aquel que as actividades vinculadas ao galego xeran noutros sectores da economía) , “o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega no ano 2019 representa un 3,4 % da produción da economía, o 4,7 % do VEB (2694,6 millóns de euros) e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo (49 893 postos de traballo)”.

O documento está accesible en formato PDF, tanto para a súa lectura como para a descarga, no sitio web do CCG.