Incorporamos ao Álbum de Galicia a biografía de Marcial Valladares


Xa podes consultar no Álbum de Galicia a biografía de Marcial Valladares (1821-1903): escritor, columnista e folclorista, nado e finado en Vilancosta (A Estrada), que está considerado como un dos precursores do uso literario do galego. Como escritor pasou á historia grazas a Majina, ou a filla espúrea, publicada por entregas en 1880 na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, que o converteu no primeiro novelista moderno no noso idioma. No ámbito da lingüística deixounos como legado o Diccionario gallego-castellano (1884) e os Elementos de gramática gallega (1892).

O filólogo e profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado asina o texto biográfico, que nos ofrece acompañado dunha selección documental onde atoparás unha galería fotográfica, documentos, vídeos, audios e recursos en liña relacionados co “señor de Vilancosta que se honraba de ser galego”.