A Deputación da Coruña publica as bases que rexerán as axudas aos SNL municipais en 2024


A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2024.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de novembro de 2023 ás 14:00 horas, segundo se recolle no anuncio do extracto da convocatoria que se publica no BOP do 18 de outubro, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.