O Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Miñoráns presentan os dous novos títulos que se suman á colección Gallaeciae Monumenta Histórica: Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz; e Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531), de Xulián Maure Rivas.
A colección Gallaeciae Monumenta Historica é un proxecto do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo poñer ao dispor dos investigadores e do público xeral o amplo corpus de documentación medieval de Galicia, un tesouro documental que dá conta da evolución do idioma galego e das visicitudes históricas de Galicia no seu conxunto.
O acto de presentación terá lugar hoxe, 14 de xuño de 2024, ás 20:00 horas, na Sala de cultura do Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar.

