Son escasas as páxinas que se teñen escrito a respecto de Santa María de Tomiño e, especialmente, Santa Baia de Donas. Fronte á grandeza de mosteiros como Celanova, Oseira, Sobrado ou Samos, podería semellar que dúas pequenas abadías femininas como as que aquí se presentan pouco de relevante haberían de achegar
ao coñecemento do monacato, da sociedade ou de calquera outra das grandes liñas históricas da Galicia medieval. A colección documental que neste volume se recolle demostra, porén, o contrario.
Chegaron ao presente 68 documentos referentes a estes dous cenobios, datados entre o século XII e os inicios da centuria do XVI. Malia o seu reducido número, trátase de textos de gran significación pola información que transmiten.
Falan, por suposto, da historia de ambos os mosteiros, fundados en datas próximas e con numerosos paralelismos na súa evolución, ata o seu final baixo o mando dunha única abadesa. Refiren a configuración destas dúas casas bieitas no que respecta á súa comunidade e ao seu dominio, con notables intereses en terras de Portugal. Explican, por último, as relacións de Tomiño e Donas coa súa contorna, fundamentalmente no marco da atribulada historia baixomedieval do bispado de Tui —ao que pertenceron e a cuxo cabido foron en última instancia anexionados— e a súa tensa relación coa nobreza da época, na que resoa un apelido: Soutomaior.
Desenvólvense amplamente todas estas epígrafes no estudo histórico que acompaña a colección documental —coa súa transcrición íntegra e o apoio dos necesarios índices— destes dous mosteiros da Galicia medieval.

[Data da nota de prensa: outubro 2023]

Título mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media, Os
Estudo histórico e colección documental
Autoría Víctor Rodríguez Muñiz
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2023
Edición 1ª edición
Descrición física 1 CD+ libro (Edición dixital)
Notas Esta publicación está editada completa en formato dixital: o CD contén o estudo histórico e a colección documental cos índices antroponímico e toponímico da Colección diplomática medieval dos mosteiros Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media (PDF de 324 páxinas) .
A edición en papel (66 páxinas) contén o estudo histórico e vai acompañado do CD coa edición dixital.
ISBN 978-84-17802-51-6
Depósito Legal C 2171-2022
Colección Gallaeciae Monumenta Historica
Evento Presentación.
Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz e Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531), de Xulián Maure Rivas.
14/6/2024. Instituto de Estudos Miñoráns. Gondomar (Pontevedra)
Materias
Áreas
Código QR
qr code