O Consello da Cultura Galega súmase á conmemoración do Día Europeo das Linguas


O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull, celebra cada ano o Día Europeo das Linguas, unha conmemoración instaurada polo Consello de Europa en 2001 co obxectivo de promover a diversidade lingüística e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía.

Nesta edición de 2024, o acto institucional conxunto das catro institucións terá lugar hoxe, 25 de setembro, ás 18:30 horas, na sede do Instituto Cervantes de Lisboa. Neste acto participarán diferentes poetas da península ibérica e, ao remate, os asistentes tamén poderán gozar da actuación musical do grupo Galandum Galundaina, de tradición mirandesa.

O 26 de setembro (o propio día da conmemoración) a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asistirá ao acto oficial que terá lugar no Congreso dos Deputados, onde a partir das 16:30 h, terá lugar unha mesa redonda sobre o plurilingüismo en España na que participarán representantes das academias das linguas oficiais do Estado. Neste caso a música correrá a cargo de Rozalén, que interpretará catro cancións nas catro linguas oficiais do Estado.

No web institucional do CCG podes ampliar esta información.