A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de facer público o documento “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga”, onde se recollen diferentes reflexións sobre o actual sistema de certificación da lingua galega e se achegan propostas para a súa mellora.
O documento foi elaborado a partir das reflexións e o debate que tivo lugar no transcurso da “Xornada de análise e avaliación dos Celga” (28 de xuño de 2012, Santiago de Compostela), na que participaron técnicos/as de normalización lingüística, profesorado colaborador dos cursos, persoal avaliador das probas Celga, lingüistas, etc.
Todas estas propostas fóronlle trasladadas á Secretaría Xeral de Política Lingüística para que as teña en conta en futuras edicións dos cursos e probas para a obtención dos Celga.

