O bUSCatermos será de libre acceso en Internet a partir de hoxe


O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta unha nova versión do seu bUSCtermos, unha base de datos que ofrece un corpus terminolóxico multilingüe de máis de 150 000 rexistros, froito de máis dunha década de traballo na Área de Terminoloxía deste SNL. A ferramenta, que xa estaba accesible desde 2005 para a comunidade universitaria da USC, será agora de libre acceso para toda a cidadanía grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O/a usuario/a pode facer as súas buscas a través de dúas interfaces diferentes: a Busca sinxela, que permite obter información e mais o equivalente noutras linguas dunha determinada denominación, e a Busca avanzada, que permite acoutar esta busca segundo diferentes criterios (área temática, lingua, etc.).