O Parlamento Europeo pide un maior compromiso coas linguas minorizadas


A Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo aprobou onte, 18 de xuño de 2013, por unanimidade o Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea. Trátase dunha proposta de resolución, que será votada polo Pleno do Parlamento o vindeiro mes de setembro, na que se insta a todos os gobernos membros da UE a que implementen políticas de preservación da diversidade lingüística da Unión e de revitalización dos idiomas ameazados en todos os ámbitos sociais (nomeadamente nos medios de comunicación, a cultura e o ensino). Así mesmo, ínstase tamén á Comisión Europea e ao Consello a aprobar programas de apoio financeiro para proxectos de promoción das linguas minorizadas.