O pasado 10 de setembro abriu as súas portas en Vigo a escola Semente Vigo, un centro de ensino integramente en galego destinado a nenas e nenos de entre 2 e 6 anos. O seu proxecto pedagóxico baséase nos principios da coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción coa natureza, o respecto pola autorregulación da/o nena/o e a integración no contexto do seu barrio e cidade. Trátase da segunda escola que nace no marco das Escolas de Ensino Galego Semente, unha iniciativa social sen ánimo de lucro promovida inicialmente pola Gentalha do Pichel. Outras escolas infantís que se desenvolven integramente en galego son Semente Compostela ou a Escola Infantil Avoaescola Ferrolterra .

