O Consello de Europa publica o cuarto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Goberno español asumiu ao ratificar este tratado internacional. En xeral, no que respecta ao galego, o informe do Comité de Expertos incide especialmente nos ámbitos do ensino e da xustiza, demandando con urxencia ás autoridades españolas que tomen as medidas precisas para garantir o ensino en galego en todos os niveis educativos, así como o desenvolvemento dos procedementos xudiciais en lingua galega, cando unha das partes o solicite. Así mesmo, recomenda incrementar a presenza do galego nos servizos de saúde e da Administración do Estado en Galicia.
Tendo en conta o exposto no mencionado informe, o Comité de Ministros do Consello de Europa acorda trasladarlle ás autoridades españolas seis recomendacións concretas.
Recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa:
1. Emendar o marco normativo vixente para deixar claro que os órganos xudiciais penais, civis e administrativos nas Comunidades Autónomas poden desenvolver os procedementos xudiciais nas linguas cooficiais, cando unha das partes o solicite.
2. Continuar implementando as medidas legais e incrementar as medidas prácticas para garantir que unha parte axeitada do persoal xudicial que traballa nas Comunidades Autónomas e está afectado polo artigo 9 da Carta ten a suficiente competencia lingüística.
3. Continuar implementando as medidas legais e incrementar as medidas prácticas para garantir unha presenza axeitada das linguas cooficiais na Administración do Estado con presenza nas Comunidades Autónomas.
4. Seguir implementando medidas que garantan a presenza das linguas cooficiais nos servizos públicos, especialmente nos servizos de saúde.
5. Garantir que a oferta de educación trilingüe non afecte negativamente na protección e promoción das linguas rexionais ou minoritarias.
6. Estudar a posibilidade de ampliar o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias con status de cooficialidade en seis Comunidades Autónomas a outras Comunidades Autónomas onde exista un número de falantes desas linguas minoritarias que así o xustifique.
Se queres consultar os informes de seguimento anteriores, preme aquí.

