María Victoria Moreno será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018


O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 17 de xuño de 2017, que a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018 será María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005), profesora, escritora, tradutora e dinamizadora cultural. No eido literario cultivou diferentes xéneros, pero foi na narrativa infantil e xuvenil onde acadou os maiores éxitos. Desenvolveu tamén un papel destacado no campo da didáctica, asinando algúns dos libros de texto de referencia para o ensino da lingua e literatura galegas. Como dinamizadora cultural, en 1968 abriu xunto con outros intelectuais, a libraría Xuntaza en Pontevedra. Tamén foi codirectora desde o seu inicio da colección infantil Árbore, de Galaxia. Para ampliar a información, preme aquí.