O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) presentaron hoxe, 15 de xaneiro de 2019, a publicación Antroponimia e lexicografía, que compila as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo ILG no ano 2016. Trátase dunha serie de contribucións que abordan os problemas comúns no estudo lexicográfico dos apelidos en territorios con características lingüísticas, demográficas, xeográficas e históricas moi diferentes. Tamén se tratan a maiores cuestións máis particulares da onomástica persoal en Galicia. Na presentación pública participou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do ILG, Xosé Luís Regueira; e a editora da publicación, Ana Isabel Boullón.

