A UNESCO conmemora hoxe, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada en 1999 que chega á súa vixésima edición. Neste día celebramos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. A directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, fai especial énfase este ano na súa mensaxe institucional no papel das linguas maternas como vehículo para construír a paz e fomentar o desenvolvemento sostible. Tendo en conta que este ano 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, a Unesco decidiu dedicar tamén esta vixésima edición do Día Internacional da Lingua Materna ás linguas indíxenas, convidando a todos os estados membros a que recoñezan e fagan efectivos os dereitos dos pobos que as falan.

