O que arde, de Oliver Laxe, foi galardoado co premio do xurado na sección “Un certain regard” da 72ª edición do Festival de Cannes, que se celebrou entre os días 14 e 25 de maio de 2019. O filme, rodado en versión orixinal en lingua galega e proxectado tamén neste idioma durante o festival, xa conseguira facer historia ao converterse na primeira película en galego seleccionada para competir neste prestixioso certame. Con este galardón Oliver Laxe demostra que a lingua galega non é en absoluto unha pexa para que unha obra audiovisual poida acadar o recoñecemento internacional. A película, rodada integramente en Galicia e ambientada nos Ancares, trata sobre os incendios forestais. A estrea nas salas está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.

