O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 22 de xuño de 2019, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 será Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), intelectual e académico que destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica. Na súa mocidade foi membro do Seminario de Estudos Galegos e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936. En 1958 ingresou na Real Academia Galega e uns anos despois, en 1965, incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, onde foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas e, desde 1972, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. A partir de mediados da década dos 70, pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa, converténdose nun intelectual de referencia para o reintegracionismo académico. Para ampliar esta información, preme aquí.

