Despois de ter sido adiado o pasado mes de maio por mor da emerxencia sanitaria, finalmente a Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario das Letras Galegas, este ano en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, o vindeiro 12 de decembro de 2020. O acto terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que o homenaxeado impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, e nel participarán os/as académicos/as Margarita Ledo Andión, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión será retransmitida en directo e poderá seguirse a través da páxina web da RAG. Para ampliar esta información, preme aquí.

