Declaración institucional do Consello Económico e Social de Galicia sobre o uso do galego


O Consello Económico e Social de Galicia (CES), como foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas, fixo pública unha declaración institucional sobre o uso e presenza da lingua galega na vida social e económica do país. Desde o CES consideran que cómpre dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións socioeconómicas, facendo unha alusión explícita á necesidade dun desenvolvemento legal que concrete os dereitos dos consumidores recollidos na Lei 1/2010, do 11 de febreiro, ou na Lei 2/2012, do 28 de marzo. Así mesmo, no seu comunicado o CES solicítalles aos poderes públicos "un aumento significativo de acción e compromiso" no fomento do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais (poñendo especial énfase no eido dixital), e ás organizacións sociais pídelles que mobilicen as súas bases para que exerzan os seus dereitos lingüísticos. Para consultar o texto completo da declaración preme aquí.