O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Eladio Rodríguez


O Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, acaba de incorporar a entrada de Eladio Rodríguez González. Lexicógrafo, poeta, xornalista e intelectual comprometido co movemento político e cultural do galeguismo, foi tamén socio numerario fundador da Real Academia Galega, institución da que chegou a ser presidente entre os anos 1926 e 1934. No ámbito da lingüística, a súa obra de referencia é o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (editado postumamente por Galaxia entre 1958 e 1961), que serviu de base para a posterior lexicografía galega dos séculos XX e XXI. Ao texto biográfico, asinado polo profesor Xoán Carlos Lagares, engádense outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde múltiples ópticas á vida e obra do polígrafo ourensán.