Cando están a piques de cumprirse os seis anos do seu pasamento, o Álbum de Galicia incorpora a entrada de Sabela Labraña Barrero, co ánimo de homenaxear a
figura da mestra, da filóloga e, sobre todo, da embaixadora de Galicia en Cataluña. Nada en Cedeira en 1952, en 1980 trasládase a Cataluña, onde exerce como docente en diferentes niveis educativos (infantil, universitario, educación adultos) e se implica activamente nos movementos de renovación pedagóxica que buscaban a integración do alumnado inmigrante a través da inmersión lingüística. Na Universidade de Barcelona impartiu materias de lingua, fonética e sociolingüística do galego (áreas nas que tamén centrou o seu traballo investigador). No eido sociolingüístico destacou especialmente polo seu papel de impulsora e directora do Proxecto Galauda, a través do cal se converteu nunha verdadeira embaixadora da lingua e cultura galegas en Cataluña. O texto biográfico está asinado por Eduard Velasco e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra de Sabela.

