Aumenta a edición en Galicia pero diminúen os títulos en galego


O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicos os datos da estatística de produción editorial de libros en 2019, un estudo de periodicidade anual que facilita información sobre o número e as características dos libros e folletos editados en España. No ano 2019 editáronse en galego no conxunto do Estado 1.048 títulos, que supón o 1,6 do total de títulos editados (dúas décimas menos ca en 2018). No que respecta aos datos da edición en Galicia, en 2019 editáronse na nosa comunidade 2.213 títulos (215 títulos máis ca en 2018), pero só o 40,3% deles se publicaron en lingua galega, o que supón unha clara diminución con respecto ao ano anterior (no que os títulos editados en galego en Galicia representaron o 45% do total). No web do INE podes consultar os datos completos da produción editorial do período 1998-2019. Tamén tes ao teu dispor un resumo coas cifras máis salientables de 2019.