O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia organizan a sexta edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia e, ao tempo, axudar a crear un repertorio musical en galego para coros. Nesta ocasión, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia, acompañados do quinteto de metais Hércules Brass, interpretarán diferentes alalás, un tipo de canto popular con gran presenza na nosa tradición musical. Como xa aconteceu en edicións anteriores, estrearase unha peza encargada expresamente para a ocasión. Este ano será o "Alalá á vella maneira" de Manuel Rivas, con música de Teresa Bretal. O concerto terá lugar 1 de xuño 2018, ás 18:00 h, na Igrexa de San Francisco de Betanzos.

