Novas da lingua

Rexistros1381 a 1410 de 5436
16/09/2022. DINAMIZACIóN

As bandas emerxentes en galego terán o seu espazo nas actuacións do Xacobeo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta “Novas músicas en galego”, un ciclo de concertos que terán lugar no Monte do Gozo, os días 24 e 25 de setembro, no marco do festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. Con esta iniciativa trátase de poñer en valor o talento das novas xeracións de mozos e mozas que fan música en galego. No ciclo participarán 18 bandas emerxentes procedentes das escolas Rock School da Coruña e A Casa do Rock de Santiago de Compostela. Podes ampliar información no Portal da Lingua Galega.
16/09/2022. DINAMIZACIóN

A Facultade de Veterinaria da USC comeza o curso cunha partida de trivial en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o Trivigal 2022, unha partida de trivial en galego que se desenvolverá o vindeiro 28 de setembro, a partir das 19 h na Cafetaría da Facultade de Veterinaria. O equipo gañador recibirá como premio un lote de produtos galegos e mais un exemplar do xogo de mesa “Ti non es de aquí?”. A inscrición estará aberta ata o 27 de setembro ás 14 h. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
15/09/2022. DINAMIZACIóN

De aquí para alá, descubrindo a diversidade lingüística do planeta

Co gallo da conmemoración, o vindeiro 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta o proxecto audiovisual “De aquí para alá”, realizado por Lydia Botana. Trátase dun repertorio musical de 21 cancións, dirixido ao público infantil, ás súas familias e á comunidade educativa, que lles permitirá aos máis pequenos da casa achegarse á diversidade cultural e lingüística do planeta a través da música. Os 14 capítulos que compoñen a serie iranse publicando cunha periodicidade semanal, polo que cada mércores teremos accesible en liña unha nova entrega. Para ampliar información, preme aquí.
15/09/2022. OUTRAS

Apple incorpora o galego nas funcións de accesibilidade do IOS 16

Apple acaba de lanzar IOS 16, o novo software que permite que o teu iPhone poida ler texto nos diferentes idiomas oficiais de España, entre eles o galego. Trátase concretamente dunha función de accesibilidade, polo que todas aquelas persoas que o precisen, a partir de agora terán dispoñible a voz “Carmela” para lerlles contido en galego. Podes atopar esta función en Axustes>Accesibilidade>Contido lido>Voces. Este primeiro paso abre as portas a que nunha futura versión se engada a función de comprensión ante ordes de voz, para que Siri sexa quen, por fin, de falarnos e entendernos en galego.

14/09/2022. OUTRAS

Catorce obras de literatura fantástica en galego en formato ePub

Xa podes consultar en liña a Biblioteca Fantástica Dixital, unha iniciativa da cooperativa Sacaúntos desenvolvida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Dentro do seu proxecto de dixitalización dos clásicos da literatura fantástica editados por Urco, agora poñen de balde ao dispor da cidadanía unha primeira entrega de catorce obras de Robert E. Howard e de Jack London, en formato ePub, traducidas ao galego. Xunto con cada volume, atoparás tamén materiais complementarios orientados á docencia.
14/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Segunda edición da Aula Aberta de Educación da Universidade de Vigo

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense continúa coa proposta Aula Aberta de Educación, un programa posto en marcha o curso pasado co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social.

Por unha parte, este espazo contribúe a desenvolver o plan de normalización do uso da lingua galega que ten a Facultade de Educación e Traballo Social nos seus graos de Educación Infantil e de Educación Primaria. Pola outra, pon o foco en aspectos moitas veces invisibilizados na sociedade que, como futuros educadores e educadoras, o alumnado da facultade vai atopar nas aulas.

Podes consultar o programa e as datas das sesións premendo aquí.
13/09/2022. DINAMIZACIóN

A USC convoca a sétima edición do concurso TEDsaúde

As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convocan o VII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. O obxectivo do certame é contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 150 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
12/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre márketing e as potencialidades do idioma como elemento diferenciador

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso "Fundamentos de márketing e comunicación. O idioma como elemento diferenciador", dirixido especialmente a técnicos/as de SNL; docentes ou responsables de EDNLG; traballadores/as de empresas, asociacións e outras entidades relacionadas coa normalización da lingua; e, en xeral, persoas interesadas en traballar na normalización do galego. O curso, impartido por Xosé Luís Reza, terá lugar en Santiago de Compostela os días 29 de setembro e 6 de outubro de 2022. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de setembro. Podes ampliar información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
09/09/2022. DINAMIZACIóN

Materiais para organizar o novo curso en galego

Aulas Galegas acaba de poñer ao dispor de toda a comunidade educativa a súa axenda escolar para o curso 2022-2023, que ademais de axudarche a organizar as tarefas deste novo curso que comeza, tamén che ofrece a posibilidade de achegarte a unha selección de música de actualidade en lingua galega, elaborada polo profesor Fernando Fernádez Rego. A axenda podes descargala, totalmente de balde e baixo licenza CC, en formato dixital ou para imprimir en papel. Como complemento, tamén tes ao teu dispor os calendarios escolares, en formato anual, trimestral e mensual. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
09/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas Vasco-Galegas de Lingüística

O Instituto da Lingua Galega, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Euskaltzaindia e a Real Academia Galega organizan estas xornadas académicas que poñen o foco en diferentes cuestións da lingüística galega e vasca. As sesións terán lugar o vindeiro luns, 12 de setembro de 2022, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A asistencia é libre. Podes consultar o programa premendo aquí.
09/09/2022. OUTRAS

Probas para a obtención dos Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2022, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da presentación da convocatoria.
09/09/2022. DINAMIZACIóN

Ei, xogamos?

Para que a volta ao cole se faga un chisco máis levadeira, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña convídate a que aprendas xogando con esta serie de pasatempos de peto. Atoparás labirintos, adiviñas, sopas de letras e xogos variados que farán os recreos máis divertidos.
05/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de análise sobre a nova Lei do Audiovisual

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC organiza, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, organiza as xornadas "Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas", onde se analizarán as repercusións que esta lei terá no tecido cinematográfico e audiovisual galego dende a óptica cultural, lingüística e económica. As sesións desenvolveranse o vindeiro 15 de setembro de 2022 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A asistencia é de balde, sen necesidade de inscrición previa. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar o programa completo da xornada, premendo aquí.

02/09/2022. INVESTIGACIóN

Acordo para crear o Observatorio PuntoGal

PuntoGal e a Deputación da Coruña asinaron un acordo de colaboración para desenvolver o Observatorio PuntoGal. Esta web tirará proveito dos datos e ferramentas empregados pola asociación, para centralizar información e realizar análises sobre o uso da rede en Galicia, con especial atención á lingua.

A primeira fase do traballo, que terá lugar entre 2002 e 2023, vaise centrar en ofrecer "unha visión clara e precisa, cun nivel de detalle inédito ata hoxe, da riqueza e a diversidade da rede en Galicia".
02/09/2022. DINAMIZACIóN

Elfos, trasnos e hobbits súmanse aos galegofalantes

Desde hoxe, a plataforma Amazon Prime Video ofrece Os aneis do poder. Trátase dunha serie baseada na obra de Tolkien O señor dos aneis, que o público pode gozar dobrada e subtitulada á lingua galega grazas ás activas campañas sociais por un audiovisual en galego. Previamente, a plataforma Netflix xa anunciara a oferta de 70 títulos dobrados ou subtitulados ao longo deste 2022.
01/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un novo obradoiro de acollemento lingüístico, dirixido principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais aberto a calquera persoa que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. O curso, de 36 horas de duración, estrutúrase en 24 sesións presenciais de hora e media cada unha, que terán lugar todos os luns e mércores entre o 21 de setembro e o 14 de decembro de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
01/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal dos entes instrumentais do sector público autonómico

A Escola Galega de Administración Pública anuncia a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal ao servizo dos entes instrumentais do sector público autonómico. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértanse os seguintes cursos: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos” (teleformación); “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica” (teleformación e telepresenza); “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego” (teleformación); “Técnicas para falar en público” (presencial). O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG e remata o 12 de setembro de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
30/08/2022. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego para longametraxe

A Asociación Sindical de Guionistas Galegos (AGAG) convoca a cuarta edición deste premio deseñado para potenciar a lingua galega no audiovisual e promover os autores e autoras que escriben neste idioma. Os guións presentados deberán estar escritos en lingua galega e estar elaborados para longametraxes de ficción. A temática é libre, aínda que se valorará que a acción transcorra en Galicia. O prazo de presentación dos traballos remata o 1 de novembro de 2022. O/a autor/a do guión gañador recibirá un premio cunha dotación económica de 2.000 euros. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
30/08/2022. OUTRAS

O Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe inclusiva

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe inclusiva, dirixida tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral. O documento ten como principal finalidade evitar o uso sexista da lingua nos documentos administrativos públicos e, ao mesmo tempo, axudar a resolver dúbidas e achegar solucións que contribúan a construír unha linguaxe inclusiva sen usos discriminatorios.
29/08/2022. CURSOS E CONGRESOS

Cursos Celga e de linguaxe administrativa nas escolas oficiais de idiomas


A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior en liña) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2022/2023. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos a empregados/as públicos/as das administracións autonómica e local galegas, e da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 1 ata o 10 de setembro de 2022, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 3 ata o 13 de xaneiro de 2023, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
29/08/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas ás entidades sen fin de lucro para a dinamización lingüística

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 3 de agosto de 2022, a resolución das axudas concedidas polo departamento de Servizos Lingüísticos dirixidas a entidades sen fin de lucro para o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística durante o ano 2022. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

29/07/2022. INVESTIGACIóN

A lingua de signos galega existe, non hai que inventala

A Deputación de Pontevedra e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’ fan públicas as conclusións da Análise preliminar sobre a lingua de signos galega.
Neste informe, elaborado coa pretensión de demostrar que a SLG é unha realidade lingüística que empregan as persoas con discapacidade auditiva a diario, destácase a necesidade de iniciar a conformación dun corpus para logo promover aspectos pedagóxicos, socioeducativos, sociofamiliares e formativos a través da intervención política e institucional. Preme aquí para ampliar a información.
29/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

Publicación das bases do premio ao mellor proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay 2023

Entre o 29 de marzo e o 1 de abril de 2023, o Festival Carballo Interplay volverá ser o escaparate anual das series e os contidos dixitais. No BOP de hoxe, o Concello de Carballo publica as bases para a sección xeral de competición e tamén do Premio ao proxecto de webserie en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.

O prazo para presentar propostas está aberto desde o momento de publicación das bases da convocatoria ata o 13 de marzo de 2023.

29/07/2022. CURSOS E CONGRESOS

III Encontro da mocidade investigadora en ciencias farmacéuticas

O 20 de outubro, a Facultade de Farmacia da USC acollerá o III Encontro da mocidade investigadora en ciencias farmacéuticas, unha xornada organizada pola Comisión de Normalización Lingüística e Difusión Cultural da propia Facultade.

Para participar en calquera das tres modalidades, flash, oral ou póster, a data límite de entrega de resumos é o 30 de setembro. A aceptación de comunicacións darase a coñecer o 7 de outubro. Toda a información, na web do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
29/07/2022. DINAMIZACIóN

Galeguizando Tik Tok desde A Pobra do Caramiñal

O Concello da Pobra do Caramiñal abre a segunda convocatoria do concurso Galeguizando Tik Tok, co obxecto de fomentar o uso do galego nas tecnoloxías e no lecer, especialmente entre a xente nova.

As persoas que queiran participar deben ter 13 anos cumpridos, realizar a inscrición como data límite o 5 de agosto e entregar os vídeos antes do 15 de agosto a través do correo normalizacion.linguistica@apobra.gal. Para obter máis información, consulta as bases completas.
28/07/2022. CURSOS E CONGRESOS

Aprende en galego o que queiras "Na Utopía"

Vén de crearse a plataforma de cursos en liña Na Utopía, unha proposta para a autoaprendizaxe en lingua galega a través de materiais audiovisuais de calidade preparados por profesionais acreditados.

A oferta abrangue ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos moi diversos, co propósito de unir o idioma aos intereses das persoas, sobre todo da xente máis nova, desmontando tópicos sobre o seu uso.
28/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

Isaac Alonso Estraviz recoñecido coa Medalla de Ouro de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense impuxo este mes de xullo de 2022 a Medalla de Ouro da provincia a Isaac Alonso Estraviz, outorgada ao estudoso en 2019 e cuxo acto de entrega adiouse a causa da pandemia.

A distinción "por toda unha traxectoria intelectual caracterizada polo seu compromiso coa defensa do galego e da cultura galega" venlle tras unha vida dedicada aos estudos filolóxicos ou as traducións, se ben é no campo da lexicografía no que se constituíu nunha referencia do reintegracionismo, con obras da relevancia do Dicionário da Língua Galega.
27/07/2022. DINAMIZACIóN

Música en galego para alinguar as festas do verán

O verán é tempo de festa e lecer e Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega) convídate a gozalo con esta lista de reprodución colectiva coa mellor música en galego. Ata o momento, a compilación inclúe 60 "temazos de verán" recomendados polas persoas seguidoras das redes de Alingua. A lista está en construción, así que se botas en falta algunha canción do verán que consideres imprescindible, ponte en contacto coa Alingua e colabora dándolle visibilidade ao inmenso talento musical que temos no noso idioma.
27/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios á innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia resolveron a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixida a centros de ensino de titularidade pública. Os cinco proxectos aos que se lle outorgou a consideración de excelentes, e polo tanto recibirán unha dotación económica de 2.000 euros, son: "O poeta que baila", do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) e IES do Milladoiro (Ames); "Polo río vai e ben", do IES de Ponte Caldelas e IES de Soutomaior; "RT", do IES Rego de Trabe (Culleredo); "Arrólame paseniño, arrólame un pouquiño", do CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza (Santa Comba); "O galego é música", do CMUS Profesional Xan Viaño (Ferrol). A maiores, recibiu tamén unha Mención de Honra o proxecto "Obradoiros Navalón", do CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela). Para ampliar información, preme aquí.
26/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve as axudas aos concellos para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica a resolución das subvencións ás entidades locais para o ano 2022, destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.