Novas da lingua

Rexistros2221 a 2250 de 5436
21/02/2019. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

A UNESCO conmemora hoxe, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada en 1999 que chega á súa vixésima edición. Neste día celebramos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. A directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, fai especial énfase este ano na súa mensaxe institucional no papel das linguas maternas como vehículo para construír a paz e fomentar o desenvolvemento sostible. Tendo en conta que este ano 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, a Unesco decidiu dedicar tamén esta vixésima edición do Día Internacional da Lingua Materna ás linguas indíxenas, convidando a todos os estados membros a que recoñezan e fagan efectivos os dereitos dos pobos que as falan.

20/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

Curso de sociolingüística cuantitativa no ILG

O Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Grupo de Investigación Filoloxía e Lingüística Galega (FILGA) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso Sociolingüística cuantitativa: presupostos teóricos e análise de datos no programa Goldvarb, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de febreiro de 2019 na Sala de Conferencias do Instituto da Lingua Galega (Santiago de Compostela). O curso será impartido pola profesora Márluce Coan, da Universidade Federal do Ceará. A matrícula é gratuíta e as prazas (20) cubriranse por orde de inscrición. Podes ampliar información premendo aquí.
19/02/2019. OUTRAS

Só o 22,5% da docencia da USC se imparte en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número d´O Cartafol dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2018-2019. En termos xerais, impártese en castelán o 73,69% das horas docentes, en galego o 22,57% e noutras linguas (inglés, portugués…) o 2,74%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.

19/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto na modalidade presencial como de teleformación. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2019. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria (corrección de erros).
18/02/2019. DINAMIZACIóN

Constitúese a Asociación de Entidades Locais pola Lingua

O pasado venres, 15 de febreiro de 2019, constituíuse formalmente a Asociación de Entidades Locais pola Lingua, formada inicialmente por 15 concellos galegos: Ames, A Baña, A Coruña, Ferrol, O Grove, Moaña, Narón, Ponteceso, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía. O obxectivo da entidade é desenvolver proxectos de normalización lingüística de xeito conxunto, co ánimo de acadar unha xestión máis eficaz. A asociación está aberta a novas incorporacións. O requisito para os novos concellos que desexen integrarse é desenvolver políticas de normalización lingüística e contar no organigrama cunha unidade técnica para executalas. Podes ampliar información premendo aquí.
15/02/2019. EMPREGO

Convocatoria de tres contratos para o Proxecto Toponimia de Galicia

A Real Academia Galega publica a convocatoria aberta de tres contratos, dous para persoal técnico de toponimia e un de lexicografía, que desenvolverán as súas tarefas no Proxecto Toponimia de Galicia. Os participantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. Os contratos, cunha remuneración de 1.100 euros/mes, terán de duración ata o 31 de decembro de 2019, prorrogables por ata doce meses máis. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 25 de febreiro de 2019. Para ampliar información, preme
aquí.
15/02/2019. DINAMIZACIóN

Lingua de Namorar 2019

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 28 de febreiro de 2019.
15/02/2019. DINAMIZACIóN

Nova edición do concurso “Explícoche matemáticas 2.0”

A Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza unha nova edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático, así como a creatividade do alumnado. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo, dunha duración non superior aos dous minutos e medio, onde se explique en galego un tema relacionado coas Matemáticas. Outorgarase tres premios de 200 euros, segundo a categoría. O prazo para enviar os proxectos remata o 22 de marzo de 2019.
14/02/2019. DINAMIZACIóN

Comeza a terceira edición do proxecto Youtubeir@s

Doce concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a terceira edición do proxecto Youtubeir@s, un concurso de creación de vídeos que nace co obxectivo de incrementar o uso do galego na canle Youtube. O concurso, dirixido a persoas maiores de 14 anos, ten catro categorías: “Vídeo-Facermos”, para vídeo-titoriais en galego nos que se amosen saberes e procesos de elaboración; “Vídeo-Opinarmos”, para vídeos en galego nos que se expoñan opinións ou valoracións sobre un tema; “Canle”, para unha canle propia con todos os seus vídeos; e “Vídeo-Cantarmos”, para vídeos musicais. O prazo de inscrición remata o 27 de setembro de 2019. Outorgaranse diferentes premios en metálico nos que se valorará a calidade técnica, a creatividade, a calidade lingüística e a eficiencia comunicativa das pezas. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
08/02/2019. DINAMIZACIóN

Concurso #TEDSaúde 2019

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o
IV Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego
, coa finalidade de contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico. O prazo para presentar os vídeos remata o 7 de abril de 2019. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
07/02/2019. DINAMIZACIóN

Premio para a divulgación científica en galego

Co gallo da declaración por parte das Nacións Unidas do ano 2019 como Ano Internacional do Sistema Periódico, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, o grupo de innovación docente CienciaNOSA e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convocan o concurso de vídeos “O meu elemento”. A iniciativa está dirixida tanto á comunidade universitaria como ao alumnado da ESO e de 1º e 2 de bacharelato de Galicia, co ánimo de fomentar a expresión de contidos científicos en lingua galega. Os participantes deben preparar un vídeo en galego sobre un elemento químico, cuxa duración debe estar entre os 30 e os 90 segundos. Outorgaranse diferentes premios de carácter económico entre as propostas gañadoras de cada categoría. O prazo para presentar os proxectos remata o 24 de abril de 2019. Para ampliar esta nova, preme aquí.
07/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos”, “Actualización gramatical e ortográfica na lingua galega” e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de febreiro de 2019. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
06/02/2019. DINAMIZACIóN

Nova plataforma para visibilizar a oferta empresarial en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo presentan a iniciativa #Galegoempresas, unha plataforma que achega información sobre as empresas con sede nestes tres municipios que ofrecen produtos e servizos en galego. O obxectivo é dar visibilidade a aqueles negocios que apostan polo galego e, ao mesmo tempo, poñer en valor o uso do noso idioma como marca de calidade no sector empresarial. Aquelas empresas interesadas en incorporarse a esta plataforma só teñen que cubrir unha ficha e un formulario de autodiagnóstico, que revisará e validará o equipo promotor de #Galegoempresas. Pola súa parte, os consumidores poden usar a plataforma para coñecer, localizar e valorar a oferta empresarial existente en galego.
06/02/2019. OUTRAS

Informe anual de actividade da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2018 tramitáronse 303 expedientes de queixas, atendéronse 29 consultas e recibíronse 58 parabéns. Igual que acontecía en anos anteriores, os dous principais motivos das queixas foron a exclusión e discriminación do galego (30%) e a deturpación da toponimia (22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 46% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 23% a empresas de servizos, o 20% a institucións privadas, o 8% a entidades bancarias e o 3% a empresas de telefonía.
05/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

A terceira sesión das xornadas Malas Linguas centrarase na transmisión non familiar

A Deputación da Coruña organiza a terceira sesión das xornadas Malas Linguas, que terá lugar o vindeiro 1 de marzo e estará centrada na transmisión lingüística en contextos diferentes ao ámbito familiar. Estas xornadas, estruturadas en catro sesións, están dirixidas principalmente ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, co obxectivo de deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI. Podes inscribirte de balde cubrindo este formulario. Se non asistiches ás dúas sesións anteriores, tes ao teu dispor todos os vídeos das intervencións accesibles en Youtube.
01/02/2019. DINAMIZACIóN

A II Gala dos Medios en Galego terá lugar en Pontevedra

Co gallo da celebración o vindeiro 7 de febreiro do aniversario de O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega), a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) promove a celebración anual dunha gala para conmemorar o Día dos Medios en Galego, cuxa primeira edición tivo lugar o 3 febreiro de 2018 en Fene. A segunda edición desta gala terá lugar mañá sábado, 2 de febreiro de 2019, ás 12:00 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A AMEGA quere con esta celebración visibilizar os medios de comunicación que apostan polo galego e axudar a concienciar a poboación da importancia de normalizar o uso do noso idioma no ámbito xornalístico e adiovisual. Para ampliar esta información, preme aquí.
01/02/2019. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Rois

O Concello de Rois publica as bases para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura/grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao, sempre que estean en posesión do certificado Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
01/02/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2019 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. O prazo de solicitude é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
29/01/2019. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre avaliación de competencias lingüísticas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, en colaboración co Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, organizan un Curso sobre avaliación de competencias lingüísticas para técnicos/as de normalización lingüística, que impartirá Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC. O curso, de 15 horas de duración (9 presenciais e 6 a distancia), está especialmente dirixido a técnicos/as de normalización lingüística que deban elaborar e avaliar probas de coñecemento de galego para o acceso a prazas da Administración. As sesións presenciais terán lugar os días 22 de febreiro e 7 de marzo de 2019. O prazo de inscrición remata o 13 de febreiro.
24/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura e Turismo publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2018/2019; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
23/01/2019. OUTRAS

Recomendacións para evitar a discriminación social na linguaxe

O alumnado da materia de “Redacción informativa” da Facultade de Comunicación da USC, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, elaborou a Guía de linguaxe inclusiva, unha clara aposta por un xornalismo comprometido coa inclusión social. A iniciativa, coordinada polos profesores Xosé López e José Casás, quere implicar o alumnado no uso dunha linguaxe inclusiva, fomentando o pensamento crítico sobre os usos lingüísticos que perpetúan a discriminación. Trátase dun proxecto aberto que se completará con novas áreas temáticas de interese informativo. Así mesmo, adaptaranse as recomendacións da guía aos formatos propios de Instagram, rede social moi usada entre a mocidade. Podes ampliar información premendo aquí.
23/01/2019. OUTRAS

A TVG promove a divulgación do léxico a través de Instagram

A Televisión de Galicia estreou no seu perfil de Instagram a sección #InstaGal, onde cada martes propoñen unha palabra ou expresión galega, a través de imaxes emitidas nos medios públicos, e convidan aos usuarios/as desta rede social a que envíen sinónimos ou a variedade dialectal empregada na súa zona. Con todas as achegas dos ususarios/as a TVG elabora un vídeo didáctico, deseñado para divulgar a nosa riqueza lexicográfica entre a xente máis nova. A sección estreouse o martes 13 de decembro coa expresión “guindoulle pedras” e este semana convídante a que participes enviando os sinónimos do termo “folerpas”.
21/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de solicitude de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe o prazo de solicitude das axudas ás entidades locais da provincia para a creación ou mantemento dos seus servizos de normalización lingüística, segundo a remisión da Base de Datos Nacional de Subvencións. Os concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes, teñen prazo ata o 15 de febreiro ás 14 h para tramitar as súas solicitudes.
As bases completas da convocatoria de axudas foron publicadas no BOP da Coruña o pasado 10 de xaneiro.
18/01/2019. OUTRAS

Xa podes consultar o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa está accesible en liña o noso Boletín de Sumarios 2018, produto documental que inclúe os 83 números de publicacións periódicas, correspondentes a 40 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2018. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
18/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de obras audiovisuais en galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2019 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
18/01/2019. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de formación dos equipos de dinamización da lingua galega

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional organiza a “Xornada de formación dos equipos de dinamización da lingua galega. Sumando espazos, espallando lingua”, que terá lugar o 26 de xaneiro de 2019 no Salón de actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. A xornada está destinada a todo o profesorado e terá prioridade na asignación de prazas aquel que exerza a función de coordinador/a dos equipos de dinamización da lingua galega. Para coñecer o programa completo da sesión preme aquí.
18/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a dinamización lingüística no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2018-2019. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de febreiro de 2019. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
17/01/2019. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 15 de novembro de 2018, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, tivo lugar a cuarta edición do LGx15, un proxecto promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes desta última edición: Ruth Caramés, Xema Varela, Mercé Barrientos, Manolo Maseda, Javier Balea, Inma Gil Rosendo, Eira Losada e Aquel-e. Se o desexas, tamén podes ver os vídeos das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
17/01/2019. DINAMIZACIóN

I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Arraianos Multimedia, convocan o I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez, dirixido a alumnado de primaria (sexto curso) e secundaria de Galicia, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Os participantes deberán elaborar un texto inédito en galego, pensado para ser radiado, así como un podcast baseado nel, relacionado con Antón Fraguas, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O prazo de presentación de traballos remata o 17 de maio. O traballo gañador recibirá un premio de 1000 euros. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
16/01/2019. DINAMIZACIóN

Un convite á reflexión en formato audiovisual para cada mes do ano

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta unha nova edición do seu calendario anual, que nesta ocasión se enmarca na campaña de promoción do galego “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua”. Como novidade, o calendario deste ano 2019
incorpora unha peza audiovisual en cada un dos meses (á que pode accederse a través dun código QR), coa intención de potenciar a difusión da iniciativa a través das redes sociais. Continuando co humor como fío condutor, volven tratarse os principais prexuízos lingüísticos instalados na sociedade, ao tempo que se lles dá visibilidade a realidades sociolingüísticas clave para o futuro da lingua. A maiores da versión dixital, tamén se editaron 2000 exemplares en formato papel, que están a ser distribuídos polos diferentes centros da Universidade de Vigo. Podes ampliar esta nova premendo aquí.