Novas da lingua

Rexistros2461 a 2490 de 5436
20/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan os centros de ensino de titularidade pública para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2017-2018. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse a través do sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de febreiro de 2018. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.

20/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á creación de obras audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2018 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/12/2017. DINAMIZACIóN

Volve o Nadal en Rede con actividades para os máis pequenos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición do programa Nadal en Rede, que percorrerá 41 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre o 16 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018, co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas. O programa inclúe as seguintes actividades: Os Bolechas. Un conto de Nadal, actividades lúdicas amenizadas polos membros da familia Os Bolechas; O castiñeiro do Apalpador, peza de monicreques da compañía Fantoches Baj; Nadal Novoneyra. Uxía canta a Uxío, concerto de Nadal no que Uxía Senlle interpreta textos do poeta do Courel; Picariño, concerto didáctico con Senén Vaamonde e mais Alfredo e Manuel, músicos da formación A Roda; e Cancións para nenos e nenas, concerto infantil ofrecido por María do Ceo.
19/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica no BOP da provincia as bases da convocatoria de axudas dirixida a concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da Coruña, destinadas á creación, mantemento ou reforzo de servizos de normalización lingüística. Estas subvencións diríxense a concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes. Tendo en conta a continua perda de galegofalantes nas grandes cidades, os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol só poderán solicitar a subvención
para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes determinarase a partir da publicación no BOP da convocatoria segundo a remisión da Base de Datos Nacional de Subvencións.
12/12/2017. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador anima a levar o galego á mesa este Nadal

O Foro Enrique Peinador presenta, cola colaboración da Xunta de Galicia, a campaña “Nadal + Galego”, coa que convida a toda a cidadanía a aproveitar estas festas de Nadal para apoiar as marcas que etiquetan os seus produtos en lingua galega. A iniciativa consiste na difusión dun vídeo publicitario que foi presentado publicamente o pasado 7 de decembro no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Podes ampliar a información, premendo aquí.
11/12/2017. EMPREGO

Bolsas nos lectorados das universidades Nova de Lisboa e Federal da Bahia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as bases da convocatoria pública para cubrir dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades Nova de Lisboa e Federal da Bahia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/12/2017. DINAMIZACIóN

Toponimízate, novo proxecto para a recollida da microtoponimia galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a iniciativa Toponimízate, que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ten como obxectivo preservar e difundir o patrimonio toponímico de Galicia. Ao longo dos vindeiros meses o filólogo Vicente Feijoo, coordinador do Proxecto Toponimia da Real Academia Galega, ofrecerá varias conferencias divulgativas en diferentes concellos adscritos á RDL para convidar á veciñanza a colaborar no labor de recollida e xeolocalización dos microtopónimos do seu contorno. Podes coñecer toda a microtoponimia recollida ata o momento no web do Proxecto Toponimia de Galicia, a través do seu buscador avanzado, e en breve poderás descargar tamén desde ese mesmo web a aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que calquera cidadán poderá recoller e xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos.
05/12/2017. DINAMIZACIóN

Elixe a palabra que mellor define o ano 2017

O Portal das Palabras organiza unha nova edición da iniciativa Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 17 de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase unha votación para seleccionar a palabra favorita, que se converterá na Palabra do ano 2017.
05/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a animación infantil en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da CRTVG e de OQOeditora, convocan os VII Premios a curtas de animación en galego "Nós tamén creamos!". O certame está dirixido a alumnado e profesorado de educación infantil e primeiro a cuarto curso de primaria, pertencente a centros de titularidade pública. O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o 12 de xaneiro e o de presentación dos traballos o 30 de abril de 2018. Para ampliar esta nova, preme aquí.
01/12/2017. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición do proxecto Youtubeir@s

Nove concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a segunda edición do proxecto Youtubeir@s, un concurso de creación de vídeos que nace co obxectivo de incrementar o uso do galego na canle Youtube. O concurso, dirixido a persoas maiores de 14 anos, ten tres categorías: “Vídeo-Facermos”, para vídeo-titoriais en galego nos que se amosen saberes e procesos de elaboración; “Vídeo-Opinarmos”, para vídeos en galego nos que se expoñan opinións ou valoracións sobre un tema; e “Canle”, para unha canle propia con todos os seus vídeos. O prazo de inscrición remata o 15 de marzo de 2018. Outorgaranse diferentes premios en metálico nos que se valorará a calidade técnica, a creatividade, a calidade lingüística e a eficiencia comunicativa das pezas. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
29/11/2017. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames convida a veciñanza a ser galeg@ para sempre

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta a campaña Galeg@ para sempre, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito funerario. Hoxe, 29 de novembro de 2017, ás 19:00 h, no Centro Social de Agrón terá lugar un acto público no que diferentes representantes do mundo do ensino, do deporte, da universidade, da empresa e da cultura asinarán un documento de declaración de vontades no que manifestan o seu desexo de seren recordados en galego na hora do pasamento. Toda a veciñanza que o desexe poderá sumarse á iniciativa. No transcurso do acto presentarase tamén o “Manual de recursos funerarios en galego”, que inclúe suxestións de frases para lápidas, ramos e coroas, así como unha escolma de poesías e textos para as cerimonias laicas. Para ampliar esta nova, preme a aquí.
28/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2017/2018, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xaneiro de 2018.
22/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

XI Xornada Xustiza e Lingua

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza un ano máis a Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2017, ás 19:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A matrícula é de balde.

20/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXIV Premios de Publicidade en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador deron a coñecer os gañadores dos XXIV Premios de Publicidade en Galego, cos que se quere recoñecer o labor realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación. Nesta edición os traballos galardoados foron, na categoría de radio, “Medo a quedar sen datos” (da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións); na categoría de televisión, “Imposible sen ti” (da axencia Tex 45 Producións, para Abanca); e na modalidade de Internet, “A túa compra, os teus temazos” (da axencia Nasas, para Gadis). Podes obter máis información sobre este premio premendo aquí.
14/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas de Terminoloxía Matemática na USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago organiza a segunda edición das Xornadas de Terminoloxía Matemática, co obxectivo de reflexionar sobre a situación do galego neste ámbito científico. As xornadas terán lugar os días 28 e 29 de novembro de 2017 no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC. O prazo para realizar a inscrición, que é de balde, remata o 26 de novembro. Para ampliar información, preme aquí.
14/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

XIII Xornadas de Normalización Lingüística nos centros católicos

Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais do Consello da Cultura Galega (CCG), as XIII Xornadas de Normalización Lingüística, que terán lugar o 24 de novembro de 2017 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. Esta edición centrarase na figura de Mª Victoria Moreno (autora á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas no ano 2018), na presentación da base de datos sobre o patrimonio lúdico galego e na integración das aplicacións educativas na práctica docente. A xornada pecharase cunha homenaxe á escritora Marica Campo. O prazo de inscrición remata o 21 de novembro.
14/11/2017. DINAMIZACIóN

O Nadal de Zas cántase en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta o concurso PanxoliñaZAS, co obxectivo de promover a creatividade e o uso da tecnoloxía en galego nos espazos lúdicos e festivos propios do Nadal. A iniciativa está dirixida a toda a veciñanza de Zas e consiste nun concurso de vídeos de panxoliñas e cantos de Aninovo e Reis. O prazo para presentar os vídeos remata o 21 de decembro de 2017. O xurado outorgará premios á mellor presentación, ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da zona e ao mellor vídeo infantil. Tamén se premiará o vídeo máis popular en Facebook.
13/11/2017. INVESTIGACIóN

Nova publicación sobre o cambio lingüístico no galego actual

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega (CCG) presentan mañá martes, 14 de novembro de 2017, a obra Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual, unha compilación de investigacións sobre o cambio lingüístico elaboradas desde unha perspectiva multidisciplinar. No acto de presentación, que terá lugar ás 11:30 h na Biblioteca do CCG, intervirán Dolores Vilavedra, coordinadora da sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG; Ernesto González Seoane, director do ILG; e os editores da publicación, Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei.
09/11/2017. DINAMIZACIóN

As matemáticas en galego, habelas, hainas

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, a Facultade de Matemáticas e o Instituto de Matemáticas da USC organizan a xornada Matemáticas: habelas, hainas, queremos contarchas!, na que oito investigadores/as ofrecerán cadansúa charla de carácter divulgativo sobre a investigación en matemáticas. As intervencións faranse en galego, para transmitir a mensaxe de que é un idioma tan válido como calquera outro para a transmisión de coñecementos científicos. O acto terá lugar hoxe, 9 de novembro de 2017, ás 16:00 h, na Facultade de Matemáticas. O acceso é libre, mais a organización agradece que previamente se tramite a inscrición a través deste formulario.
08/11/2017. DINAMIZACIóN

Nova edición do Club de Debate

Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2017.
08/11/2017. EMPREGO

Contratos de investigación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Seleccionarase persoal para os seguintes proxectos do Instituto da Lingua Galega: “Arquivo do Galego Oral (AGO)” e “Léxico patrimonial (Galicia-Portugal-Brasil)”. Os aspirantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega / Lingua e Literatura Galegas. Para a primeira praza (AGO) tamén deben estar matriculados/as nun programa de doutoramento na USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de novembro de 2017. Para ampliar información, preme aquí.

06/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

Simposio internacional “E irei madr’a Vigo”

Con motivo da estadía en Vigo do Pergamiño Vindel, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza o Simposio internacional E irei madr’a Vigo, que terá lugar os días 23 e 24 de novembro de 2017 no auditorio do Edificio Cambón (Vigo). Ao longo das xornadas haberá dúas conferencias plenarias e varias comunicacións científicas, nas que se analizará o Pergamiño Vindel desde diferentes perspectivas: a histórica, a musicolóxica, a literaria, a lingüística e a grafolóxica. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio. Podes coñecer o programa completo do simposio premendo aquí.

06/11/2017. DINAMIZACIóN

Concurso de vídeos para achegar a xente nova ao mundo trobadoresco

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Cultura convocan o Certame Vindevídeos, coa finalidade de que a xente nova e mais a sociedade en xeral poidan achegarse á cultura trobadoresca a través de producións en soporte audiovisual. O certame establece dúas categorías de participación, unha destinada a alumnado de infantil e primaria; e outra para alumnado de educación secundaria, ensinanzas especiais de grao medio, ensinanzas de adultos e ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra de Galicia. O prazo para enviar os vídeos remata o 11 de decembro de 2017.
03/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XVIII Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e mais o Concello de Santiago de Compostela convocan a décimo oitava edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar as candidaturas remata o 11 de decembro de 2017. Para ampliar información, preme aquí.
03/11/2017. DINAMIZACIóN

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o manifesto e as actividades do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas – 2017, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas galegas. O programa inclúe obradoiros científicos, sesións de contos, ciclos de cine e charlas divulgativas, entre outras actividades.
02/11/2017. DINAMIZACIóN

Volve o LGx15 con novas ideas para o futuro da lingua

O vindeiro 9 de novembro, ás 18:00 h, terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela unha nova edición do LGx15, un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, no que a través de charlas breves e amenas, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. O acto será presentado por Vicente Mohedano e contará tamén coa actuación musical de MJ Pérez. A entrada custa 6 euros en venda anticipada e 10 euros o mesmo día na billeteira.
02/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados da vixésimo sétima edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son a asociación Codeseda Viva, na modalidade “A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; a funcionaria Carme Pérez Vaquero, na categoría de “Galicia enteira” e o escritor Mario Franco Rodríguez, na categoría “Toda unha vida”. A entrega dos galardóns será o 14 de novembro ás 20:30 horas no Teatro Principal de A Estrada. Podes ampliar esta nova premendo aquí.

02/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino

Os departamentos de Filoloxía Galega e Didácticas Aplicadas da Universidade de Santiago de Compostela organizan as III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino, que nesta edición levan por título “Ensinar galego desde o multilingüismo e a variedade. Enfoques e experiencias”. As xornadas, destinadas preferentemente a profesorado de Ensino Secundario da especialidade de Lingua Galega e Literatura, teñen como obxectivo ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre algúns aspectos da situación sociolingüística e do marco legal educativo que teñen un impacto directo na docencia do galego. As sesións terán lugar os días 17 e 18 de novembro de 2017. Para obter máis información sobre o programa das xornadas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
31/10/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Bacelos de Prata

A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da undécima edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As empresas galardoadas nesta edición foron a queixería lalinense Hoxe e a adega O Alborexar, ubicada en Castrelo de Miño. A entrega dos premios celebrarase o vindeiro 18 de novembro no Pazo dos Ulloa, en Esposende, Ribadavia.
30/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XVIII Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse o 18 de novembro de 2017 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o 16 de novembro.