Novas da lingua

Rexistros2821 a 2850 de 5436
18/04/2016. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal das administracións públicas galegas

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos (catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial) desenvolveranse ao longo dos meses de maio, xuño e xullo de 2016. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

13/04/2016. DINAMIZACIóN

A primavera chega con apego a Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades que se van desenvolver, no marco do proxecto Apego, esta primavera en Pontevedra. O programa, destinado a familias con nenos/as de entre 0 a 6 anos, inclúe obradoiros de contos e cantos de berce; encontros pedagóxicos para as familias e unha charla sobre as vantaxes de medrar en galego. As prazas son limitadas. As solicitudes de inscrición deben remitirse ao SNL do Concello de Pontevedra (snl@pontevedra.eu).
13/04/2016. AXUDAS E PREMIOS

II Premio de radiodramas en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca a segunda edición do Premio de Radiodramas en galego, que premiará o mellor guión radiofónico dramático en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado da USC, ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual de calquera das universidades galegas e aos estudantes das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. O prazo para presentar os traballos remata o 12 de outubro de 2016. Podes consultar as bases completas do certame, así como coñecer os radiogramas gañadores da primeira edición, premendo aquí.
12/04/2016. DINAMIZACIóN

A Primavera das letras, accesible en liña

A Real Academia Galega presenta o sitio web Primavera das letras, que compila materiais didácticos sobre Manuel María dirixidos á comunidade educativa, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A iniciativa bota a andar con materiais dirixidos principalmente ao alumnado de Infantil e Primaria, aínda que se irá completando con outros recursos útiles para o alumnado de Secundaria. Con este proxecto a RAG responde a unha demanda do sector educativo, que solicita recursos dixitais para traballar na aula os contidos relacionados cos autores/as homenaxeados/as nas Letras Galegas.
06/04/2016. INVESTIGACIóN

Bolsas de investigación na área de planificación sociolingüística

A Deputación da Coruña convoca dúas bolsas de investigación na área de planificación sociolingüística da lingua galega, destinadas a persoas con titulación universitaria, residentes na provincia da Coruña, que pretendan facer un traballo de investigación no período 2016-2017. A dotación económica destas bolsas é de 8.000 euros cada unha. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril de 2016, ás 14:00 h. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
06/04/2016. DINAMIZACIóN

III Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, organiza a III Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o domingo 15 de maio de 2016 en Santiago de Compostela. O obxectivo da iniciativa é festexar as Letras Galegas e difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira contará cunha proba absoluta desde A Lavacolla ata o Estadio de San Lázaro e cun circuíto para as categorías de menores, polos arredores do Estadio. O prazo de inscrición remata o 11 de maio, ás 23.59 horas.
06/04/2016. DINAMIZACIóN

Volve o Brinca Vai á Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o Brinca Vai 2.0, un espectáculo musical e audiovisual con Paco Nogueiras e o Sr. Sagüillo, que terá lugar o sábado 23 de abril no Auditorio do Fórum Metropolitano (A Coruña). A actividade, dirixida ao público infantil e xuvenil, está baseada no libro homónimo de Paco Nogueiras, editado por Kalandraka. As entradas teñen un custo de 5 euros (3 entradas, 12 euros con abono familiar) e podes adquirilas en Ticketea. Para ampliar información, preme aquí.
04/04/2016. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino

Os departamentos de “Filoloxía Galega” e “Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais”, da Universidade de Santiago de Compostela, organizan as III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino, que terán lugar os días 29 e 30 de abril de 2016 na Facultade de Filoloxía da USC. As xornadas, que están dirixidas principalmente a profesorado de Ensino Secundario da especialidade Lingua galega e Literatura, centraranse nesta edición na didáctica da sociolingüística e mais na análise das actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención no tema da relación entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas. O prazo de matrícula remata o 22 de abril.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre documentación e revitalización de linguas ameazadas

O Centro Interdisciplinar de Documentación Lingüística e Social está a organizar o I Simposio Internacional Linguas e variedades lingüísticas amezadas na Península Ibérica: documentación e revitalización, que vai ter lugar os días 1 e 2 de xullo de 2016 en Alcanena (Portugal). Os eixos temáticos sobre os que xirarán as intervencións son a documentación e a revitalización lingüísticas. A maiores, tentarase establecer as bases para un traballo interdisciplinar entre as artes performativas e a lingüística. O comité organizador convida a investidores/as que traballen no ámbito da diversidade lingüística na Península Ibérica a enviar a súa proposta de comunicación antes do vindeiro 10 de abril. O prazo de inscrición remata o 31 de maio de 2016.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS

Estatística con R para lingüistas

O Instituto da Lingua Galega e o Grupo de investigación Filoloxía e Lingüística Galega (USC) organizan o curso Estatística con R para lingüistas, dirixido a investigadores/as e a alumnado do ámbito dos estudos lingüísticos que estean a realizar traballos de fin de grao, traballos de fin de máster ou a tese e teñan interese en realizar análises estatísticas dos seus datos. O curso desenvolverase en tres sesións, entre o 18 de abril e o 6 de maio de 2016. O prazo de inscrición remata o 8 de abril.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS

Primeiras xornadas de innovación educativa: palavrar a lingua

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) organiza as Primeiras xornadas de innovación educativa: palavrar a lingua, que terán lugar o sábado 16 de abril de 2016 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Os obxectivos da actividade son, entre outros, dar a coñecer experiencias innovadoras no ámbito da normalización lingüística, afondar no papel da escola como suxeito transformador e analizar as posibilidades lingüísticas e pedagóxicas da lusofonía para o traballo docente. A xornada está dirixida ao profesorado dos diferentes niveis educativos (Infantil, Primaria e Secundaria). As prazas cubriranse por orde de solicitude, tendo preferencia as persoas afiliadas ao STEG.
30/03/2016. INVESTIGACIóN

Manual para acadar seguridade na comunicación administrativa

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta o manual Na universidade. En galego con seguridade, no que se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación administrativa. A obra estrutúrase en tres apartados principais: marco lexislativo da lingua galega no ensino superior, interferencias e cuestións lingüísticas fixadas erroneamente na lingua, e proposta de xentilicios en galego. Este novo traballo completa e amplía En galego sen dúbida, elaborado hai dous anos tamén pola Área de Normalización Lingüística e centrado en cuestións ortotipográficas. Ambas as dúas publicacións teñen como obxectivo axudar á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica en galego con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita.
30/03/2016. DINAMIZACIóN

HITZARGIAK. Linguas que se iluminan mutuamente

A fundación Donostia / San Sebastián 2016 e a asociación Soziolinguistika Klusterra presentan o proxecto HITZARGIAK. Linguas que se iluminan mutuamente. Trátase dun sitio web deseñado para consolidar a rede de contactos das comunidades lingüísticas de Europa e difundir boas prácticas para revitalizar idiomas minorizados. Ata o momento, o comité científico do proxecto Hitzargiak escolleu oito prácticas galegas que consideran que poden ser inspiradoras para outras comunidades lingüísticas. As iniciativas galegas seleccionadas son: Agasallo, Apego, Cantalingua, Club de debate, Como cho digo;-), Gústame o galego, Modelo Burela e Tíralle da lingua.
30/03/2016. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Manuel María

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa o Especial Letras Galegas 2016, dedicado a Manuel María. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. Tamén se ofrece información bibliográfica, ligazóns a outros sitios web e unha videoteca con recursos audiovisuais sobre este autor. Trátase dun espazo colaborativo en continua actualización, polo que os centros poden enviar os seus recursos e propostas ao enderezo correo@coordinadoraendl.org.
22/03/2016. DINAMIZACIóN

Conmemoración conxunta do centenario das Irmandades da Fala

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, coa colaboración de concellos e doutras entidades públicas e privadas, presentan unha programación conxunta para a celebración ao longo do 2016 do Ano das Irmandades da Fala. O programa inclúe exposicións, simposios, publicacións e difusión de recursos dixitais, entre outras actividades. Neste mes de marzo están a presentarse as primeiras iniciativas na rede. A Real Academia Galega inaugurou onte, 21 de marzo, unha sección web con materiais dixitalizados relacionados coas Irmandades procedentes dos fondos da Academia. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega presenta hoxe o Álbum das Irmandades da Fala, un espazo web que recollerá as biografías dos seus protagonistas.

22/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

Curso de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan Agrupado de Formación Continua. Entre os cursos ofertados está o de “Lingua galega en documentos administrativos”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
18/03/2016. OUTRAS

Créase en Italia unha asociación para o estudo da lingua e cultura galegas

O pasado 23 de novembro de 2015 constituíuse formalmente a Asociación Italiana de Estudos Galegos (AISGAL), que segundo se recolle nos seus estatutos, ten como principais obxectivos a difusión da lingua e da literatura galega, a través da formación, a investigación científica e a instrución. O seu presidente é Attilio Castellucci, profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza (onde tamén existe un Centro de Estudos Galegos desde 1999), mais a intención é traspasar o ámbito académico. De feito, a intención de AISGAL é consolidarse como punto de referencia para os estudos e as iniciativas relacionadas coa lingua galega en toda Italia e converterse en interlocutor preferente coas institucións galegas para a promoción e difusión da nosa cultura.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible en liña o programa dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 14 e 15 de abril de 2016 no Consello da Cultura Galega. A comisión organizadora decidiu afondar na liña temática da edición do ano pasado, polo que o eixo principal destes décimo oitavos encontros serán os comportamentos lingüísticos da mocidade, analizados desde unha perspectiva multidisciplinar. Tamén serán obxecto de reflexión os recursos dixitais xerados para a promoción do galego. Con antelación ás sesións presenciais, haberá ocasión de debater en liña a través dos dous grupos de Facebook que se crearán ao fío destes dous temas propostos. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de solicitude.
16/03/2016. AXUDAS E PREMIOS

VII Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2016

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2016, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do noso patrimonio lingüístico. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de xuño de 2016.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

XXV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. Este ano o eixo temático será Manuel María, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 9 de abril de 2016 na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O prazo de matrícula remata o 4 de abril.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

Chamada de traballos para a
XII Xornada Científica Realiter

A Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) está a organizar a duodécima edición da súa Xornada Científica, que nesta ocasión terá como tema principal “Terminoloxía e normalización”. As sesións terán lugar os días 9 e 10 de xuño de 2016 en Santiago de Compostela. Realiter está a facer unha chamada de traballos para que todas as persoas que desexen participar nesta xornada poidan presentar a súa proposta de relatorio. As propostas (arredor de 400 palabras), redactadas nalgunha das linguas oficiais da rede, deberán enviarse á Secretaría de Realiter (realiter@unicatt.it) en formato pdf ou doc ata o 15 de marzo de 2016 (prorrogado ata o 31 dese mesmo mes). Para ampliar esta información, preme aquí.
11/03/2016. OUTRAS

Convócanse as probas de competencia clave en lingua galega

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 2 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
10/03/2016. AXUDAS E PREMIOS

XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a duodécima edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 14 de abril de 2016. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
09/03/2016. DINAMIZACIóN

As matemáticas en galego, explicadas en dous minutos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié organizan unha nova edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. O prazo para enviar os proxectos remata o 22 de abril de 2016.
08/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

XXIX Cursos de verán de lingua e cultura galegas

A Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña, organiza a vixésimo novena edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 1 e 22 de xullo de 2016. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e superior) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas. O prazo de inscrición remata o 1 de abril de 2016. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
07/03/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para os servizos de normalización lingüística da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 7 de marzo de 2016, a resolución da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2016. A partir desta publicación, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para aceptar ou renunciar a estas axudas. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
03/03/2016. DINAMIZACIóN

A USC premia a subtitulación de vídeos TED de Ciencias de Saúde

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o I Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego. Os obxectivos son estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O concurso inclúe dúas convocatorias, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC (modalidade A) e outra destinada ao público xeral (modalidade B). Os membros da USC que participen terán a posibilidade de asistir a un obradoiro de formación. O premio está dotado de 250 euros (para a modalidade A) e 150 euros (para a modalidade B), ademais dun diploma honorífico. O prazo para facer a tradución e subtitulación dos vídeos remata o 17 de abril de 2016.
03/03/2016. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica galega

A Escola Galega de Administración Pública organiza dous cursos de linguaxe xurídica galega (nivel superior), un deles destinado ao persoal da Administración de xustiza que presta servizos fóra de Galicia e outro dirixido ao persoal da Administración de xustiza, ou colectivos afíns, que presta os seus servizos en Galicia. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias (curso para persoal que traballa fóra de Galicia e curso para persoal que traballa en Galicia).
03/03/2016. DINAMIZACIóN

Convócase o X Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas convoca a décima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, dirixo á comunidade educativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación no ámbito do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno máis próximo dos centros educativos de Galicia. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7000 euros para cada proxecto gañador. O prazo para enviar as candidaturas remata o 31 de maio de 2016.
02/03/2016. DINAMIZACIóN

I Concurso de microrrelatos a través de Facebook na USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Humanidades da USC, co apoio do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca o I Concurso de microrrelatos a través de Facebook. Os obxectivos do certame son fomentar os dotes literarios do alumnado da USC e promover o uso do galego como vehículo para a creatividade, co apoio das novas tecnoloxías. Pode participar no certame todo o alumnado da USC que sexa seareiro do Facebook da Facultade de Humanidades mediante a opción “Gústame”. Os textos deben ser orixinais, estar escritos en galego, ter unha extensión máxima de 100 palabras e xirar arredor do feito de contar. O prazo para presentar os traballos remata o 1 de abril de 2016.