Novas da lingua

Rexistros2971 a 3000 de 5436
31/07/2015. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución podes consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
31/07/2015. DINAMIZACIóN

Resólvese o III Concurso de proxectos de publicidade en galego

O xurado do III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, acordou outorgarlle o premio ao proxecto publicitario “Zapatos e outras historias", que se desenvolverá na zapataría Moksín, ubicada na rúa Montero Ríos do Ensanche compostelán. O proxecto, deseñado polo comunicador Tino Barreiro, consiste en que varios artistas creen cadansúa obra (performativa, plástica, escénica, literaria) que integre os propios zapatos da tenda, a partir de palabras que formule a clientela. Periodicamente organizaranse eventos para expoñer e difundir estas obras. Para ampliar esta nova, preme aquí.
29/07/2015. DINAMIZACIóN

No verán, o galego campa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado presentan unha nova edición do programa O galego campa!, deseñado para crear espazos de uso en galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como para fornecer ao monitorado de materiais didácticos en lingua galega. Esta iniciativa desenvolverase, no marco do programa “Acción de verán 2015”, en 17 campamentos durante os meses de xullo e agosto. Para obter máis información sobre a iniciativa ou acceder ao repositorio de materiais didácticos, preme aquí.

28/07/2015. DINAMIZACIóN

IX Certame de investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a novena edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 2 de novembro de 2015. Para consultar as bases preme aquí.
24/07/2015. DINAMIZACIóN

Homenaxe a 25 anos de traballo xudicial en lingua galega

A Irmandada Xurídica Galega e o Xulgado de Fonsagrada celebraron, o pasado 18 de xullo de 2015, un acto público para conmemorar os 25 anos de galeguización deste xulgado. O acto contou coa participación especial de todos os xuíces que ocuparon esa praza estes últimos 25 anos (Xoán Montes, Alberto Benéitez, Luís Villares e o actual titular, Eladio Prieto), que estiveron acompañados de funcionarios, profesionais do dereito e representantes de diferentes institucións culturais e académicas. Con motivo desta celebración a Irmandade Xurídica Galega editou o díptico “En galego é de lei”, con información útil sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía.
24/07/2015. DINAMIZACIóN

En galego a Credencial do peregrino e o Certificado de distancia do Camiño de Santiago

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, presentaron a versión en galego da Credencial do peregrino (documento que os viaxeiros deben selar en cada etapa) e do Certificado de distancia do Camiño de Santiago (documento que certifica a súa viaxe). A iniciativa, que xurdiu a partir da demanda dos propios peregrinos que están a facer o camiño, inscríbese no marco de colaboración entre a Igrexa Católica e o Goberno galego, que colabora desde hai anos, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa tradución de materiais para a catequese e o culto. Para ampliar esta nova preme aquí.
22/07/2015. INVESTIGACIóN

Homenaxe a David Mackenzie pola súa contribución á expansión dos estudos galegos

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago presenta o volume En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie, que recolle dezaoito contribucións desde o ámbito da lingüística iberorrománica e da lingüística e literatura galegas. A obra foi presentada onte, 21 de xullo de 2015, no marco dunha homenaxe que o ILG lle rendeu ao profesor David Mackenzie, polo seu papel decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Para ampliar esta nova preme aquí.
15/07/2015. OUTRAS

As organizacións políticas de Galicia comprométense co galego

Hoxe, 15 de xullo de 2015, ás 12:00 h, terá lugar no monumento a Rosalía da Alameda de Santiago o acto de sinatura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e asinada por todas as organizacións políticas de ámbito galego. No acto, conducido pola actriz Iria Sobrado, intervirán o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e mais os representantes das organización políticas asinantes. Tamén contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Para ampliar esta nova, preme aquí.

15/07/2015. OUTRAS

Novos datos sobre a edición e o libro en Galicia

O Observatorio da Cultura Galega presenta o documento de traballo O libro e a edición en Galicia, que achega unha panorámica do sector editorial en Galicia, ofrecendo datos estatísticos específicos sobre edición de libros, así como outros parámetros transversais relacionados co sector empresarial e o mercado laboral. No que respecta a edición en galego, os datos de 2014 son positivos. A cifra de libros publicados en galego supón un 61,3% do total de libros con ISBN publicados en Galicia en 2014, aumentando un 23% o número de títulos en galego con respecto ao 2013. Con todo, cómpre ter en conta que a edición en galego sufriu unha caída dun 28,6% no período 2008-2014. Tamén son preocupantes os datos da drástica caída do número de títulos traducidos ao galego, que indican un descenso do 69,5% con respecto a 2010. No informe podes consultar estes datos segundo a materia, prezo, formato ou carácter xurídico da entidade editora.
15/07/2015. LEXISLACIóN

A Universidade de Vigo aproba un regulamento para o uso do galego

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou, o pasado 2 de marzo de 2015, o Regulamento de uso da lingua galega. Trátase dunha norma de referencia para o uso institucional do galego, tanto no que se refire aos usos orais como escritos, no ámbito universitario (facultades, escolas, centros, institutos, departamentos e servizos). Coa aprobación desta norma a Universidade de Vigo súmase ás outras dúas universidades galegas, que xa dispuñan dos seus propios regulamentos de uso do galego.

13/07/2015. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de oito bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/07/2015. DINAMIZACIóN

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Ligüística continúa a pedir mil festas máis para a lingua

Aproveitando a chegada do período estival, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a difundir o vídeo promocional SonDeSeu, as emocións dun pobo, que narra a traxectoria da orquestra folk SonDeSeu e serve de presentación da nova edición da campaña Mil festas máis para a lingua galega. Esta iniciativa está dirixida aos concellos, comisións de festas e entidades culturais galegas, co ánimo de incentivalos a que teñan en conta o idioma galego á hora de programar as festas populares, referente da vida social dos galegos/as.
06/07/2015. DINAMIZACIóN

Manuel María será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 4 de xullo de 2015, dedicar o Día das Letras Galegas 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro, poeta, narrador e dramaturgo que destacou tamén polo seu firme compromiso coa normalización do idioma galego. A súa obra literaria é extensa e diversa, abranguendo diferentes xéneros: ensaio, narrativa, teatro e poesía. Como dinamizador cultural, en 1952 crea a Editorial Xistral en Lugo e posteriormente, en 1970, xunto coa súa dona, abre a libraría Xistral en Monforte de Lemos. Tamén participou activamente en entidades asociativas como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Para ampliar esta nova, preme aquí.
06/07/2015. EMPREGO

Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria dun concurso público de méritos para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres. Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Filoloxía Románica (subsección Galaico-Portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino en Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/07/2015. OUTRAS

O Consello de Europa avalía a protección da pluralidade lingüística en España

O Consello de Europa acaba de facer público un novo informe avaliativo sobre a aplicación en España do Convenio marco para a protección das minorías nacionais. Trátase dun informe periódico sobre o cumprimento dun acordo internacional ratificado polo Estado español en 1995, que desde 2012 inclúe o galego entre os idiomas avaliados. No que respecta á lingua galega, o Comité Consultivo sinala o retroceso que supuxo para o uso do galego no ensino a aprobación en 2010 do chamado “Decreto para o plurilingüismo”. Así mesmo, detecta un menor apoio gobernamental na protección do galego nos territorios estremeiros de Asturias e Castela-León. Entre as recomendacións que o Consello de Europa lle fai ao Estado en materia lingüística destaca a activación de canles de diálogo cos falantes de linguas minorizadas e coas asociacións que os representan e promoven os seus dereitos.
01/07/2015. DINAMIZACIóN

Vigo énchese de contos no verán

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 5 de setembro de 2015 co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas. O programa inclúe, entre outras actividades, contadas, monicreques, obradoiros, contos escenificados, regueifa e rap. Para coñecer a programación completa, preme aquí.
29/06/2015. INVESTIGACIóN

Novo léxico panlatino sobre sistemas fotovoltaicos

O Observatorio de Terminoloxía e Política Lingüística da Universidade Católica do Sagrado Corazón de Milán e máis a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Léxico panlatino de sistemas fotovoltaicos, unha obra que compila 187 termos relacionados cos sistemas fotovoltaicos, coas súas equivalencias en oito linguas (castelán, catalán, galego, francés, italiano, portugués, romanés e inglés). Das correspondencias en galego ocupouse o Grupo de Investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (Grupo TALG), da Universidade de Vigo.
25/06/2015. EMPREGO

Convocatoria de 3 prazas e 2 bolsas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca dúas bolsas e tres prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de varias universidades españolas e do estranxeiro. En concreto, convócanse dúas bolsas na Universidade Federal da Bahía e na Universidade da Sorbona Nova-París III e tres prazas nas universidades do País Vasco, Oxford e Birmingham. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas ordes (convocatoria de 2 bolsas e convocatoria de 3 prazas) no Diario Oficial de Galicia.
19/06/2015. DINAMIZACIóN

A CTNL proponlles ás deputacións medidas para o fomento do galego

Co motivo da vindeira constitución dos plenos e os gobernos das catro deputacións galegas, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua acaba de remitirlles a todas as organizacións políticas unha proposta concreta para a implicación das deputacións no fomento do galego. A proposta estrutúrase en tres puntos básicos: creación dun programa de cooperación para o fomento do galego desde os concellos, creación dun Servizo de Normalización Lingüística propio e aplicación dun plan de actuación e/ou regulamento transversal para o fomento da lingua. Para coñecer a proposta completa, preme aquí.
16/06/2015. DINAMIZACIóN

Nova iniciativa de lecer en galego para os concellos da Rede

No marco da cuarta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes!, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza a actividade “Estamos no verán!!!”, un concerto de Xoán Curiel e a banda Son+d2 destinado a nenas e nenos de 7 a 12 anos. Esta iniciativa, deseñada co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer, percorrerá durante os meses de xuño e xullo 18 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Para coñecer o calendario concreto da actividade, preme aquí.
12/06/2015. CURSOS E CONGRESOS

XI Curso de Verán "Traballando en Lingua"

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL e a SXPL, organiza o XI Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición se centrará na análise dos cambios e afianzamentos lingüísticos que se dan na mocidade. As sesións desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de xullo de 2015 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 2 de xullo. Para obter máis información, preme aquí.
12/06/2015. DINAMIZACIóN

Contos do chupete en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza “Contos do chupete”, unha sesión de contos para bebés de 0 a 3 anos que incluirá música, literatura e tradición oral. A actividade, que se desenvolve no marco do proxecto Apego, terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño, ás 18.00 h, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. A entrada é de balde con inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
09/06/2015. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para PDI e alumnado da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago organiza diferentes actividades formativas dirixidas ao persoal docente e investigador (PDI) e ao alumnado desta universidade. En concreto, para o PDI están convocados o Obradoiro de xestión do multilingüismo nas aulas (prazo de matrícula ata o 15 de xuño) e o Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego (matrícula ata o 10 de xuño). Pola súa parte, o alumnado pode inscribirse nos Obradoiros de elaboración e defensa de TFG/TFM en galego (matrícula ata o 9 de xuño). Podes ampliar información no web do SNL da USC.
08/06/2015. INVESTIGACIóN

Accesibles en liña as actas das
XI Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das XI Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Universidade, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2014. Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
04/06/2015. DINAMIZACIóN

Roteiro literario e toponímico pola Ría de Vigo e a Illa de Ons

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza, o sábado 20 de xuño de 2015, un roteiro literario e toponímico pola Ría de Vigo e a Illa de Ons, seguindo o desenvolvemento argumental da novela “Os fillos do mar”, de Pedro Feijoo. Guiarán este percorrido Pedro Feijoo (escritor), Xosé Lois Vilar (arqueólogo) e Gonzalo Navaza (especialista en toponimia). Para obter máis información sobre o itinerario e os prazos de inscrición e matrícula, preme aquí.
03/06/2015. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 xuño de 2015, a resolución das axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2014-2015, proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia tanto de titularidade pública como privada. Para consultar estas resolucións preme aquí.
01/06/2015. LEXISLACIóN

Recoñécese legalmente a toponimia como patrimonio cultural inmaterial

O Boletín Oficial do Estado do 27 de maio de 2015 publica a Lei 10/2015, de 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados co obxecto de regular a acción de salvagarda que deben exercer os poderes públicos sobre os bens que integran este patrimonio. No artigo 2 desta lei inclúense, dentro do concepto de patrimonio cultural inmaterial, as “tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.
29/05/2015. DINAMIZACIóN

“O noso último verán en Escocia” estréase en galego en 14 cines

Hoxe, 29 de maio de 2015, estrearase en 14 cines de oito localidades galegas a comedia británica “O noso último verán en Escocia”, en versión dobrada ao galego. A iniciativa, que ten como obxectivo promover o uso do noso idioma no ámbito do audiovisual, é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia (través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais), a Televisión de Galicia e a distribuidora A Contracorriente Films. As localidades nas que pode verse o filme en galego son A Coruña, Lugo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Para ampliar esta nova, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS

I Premio de Radiodramas en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o I Premio de Radiodramas en galego, que premiará o mellor guión radiofónico dramático en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado da USC, ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual de calquera das universidades galegas e aos estudantes das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. O prazo para presentar os traballos remata o 15 de outubro de 2015. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS

Premio Terra de Melide para Paco Veiga

O Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide (integrado polos concellos de Melide, Toques e Santiso, polo IES de Melide e todos os colexios da comarca Terra de Melide) acordou entregar o Premio Terra de Melide 2015 á defensa da lingua ao docente e dinamizador cultural Paco Veiga. O acto de entrega terá lugar o 5 de xuño de 2015, ás 20:30 h, na Casa de Cultura de Melide.