(Ourense, 1884- Ourense,1963)
Fillo dun avogado funcionario de Facenda que descendía dunha familia de administradores e corrixidores da casa de Alba en Castro Caldelas, cursou o bacharelato no Instituto de Ourense (1984-1899) e Dereito (1899-1906) en Santiago por imposición paterna. En 1907 emprégase na Delegación de Facenda de Ourense. A súa formación intelectual, basicamente autodidacta, desenvólvese neses anos mozos entre o faladoiro da Comisión de Monumentos e as lecturas dos filósofos vitalistas e irracionalistas, dos decadentistas franceses e ingleses, dos románticos alemáns e, mesmo, de ocultistas e teósofos, influencias que compartía cos seus amigos Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Arturo Noguerol, nunha apertura ás modas intelectuais máis en voga na Europa do momento, que resultaba insólita naquela cidade de provincias. Dende 1910 colabora en El Miño e traduce textos hindús, de Verlaine e doutras figuras das vangardas literarias. Insatisfeito coa vida de funcionario, en 1913 decide dedicarse á docencia, para o que fai os tres cursos da Escola Superior de Maxisterio en Madrid, e en 1916 gaña a cátedra de Historia da Escola Normal de Ourense, posto en que se xubilará en 1954.
En 1917 promove, con Arturo Noguerol e Florentino López Cuevillas, La Centuria. Revista Neosófica e pouco despois ingresa nas Irmandades da Fala, recrutado por Antonio Losada Diéguez. Nos seus artigos n’A Nosa Terra, Risco amósase axiña partidario dunha definición plenamente nacionalista das Irmandades. En febreiro de 1918, participa activamente na campaña electoral a prol da candidatura de Lois Porteiro a deputado polo distrito de Celanova. En novembro é un dos persoeiros principais da I Asemblea Nacionalista, realizada en Lugo, acto de nacemento do nacionalismo galego e da reivindicación dun Estado galego dentro da Federación Ibérica. Dende 1919 encabeza, con Antonio Losada, o sector das Irmandades contrario á participación nas eleccións e á alianza cos republicanos. Probablemente a eles se debe a elección do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia na II Asemblea Nacionalista (Santiago, 1919). En 1920 pon en marcha a revista Nós, xunto con Losada, Castelao e Noguerol, e publica Teoría do nacionalismo galego, obra que o converte no maior teórico do movemento. Desenvolve o legado de Manuel Murguía para sentar o canon do concepto de nación galega, alicerce do programa das Irmandades, e insiste na necesidade de construír forzas políticas exclusivamente galegas para poder cumprilo.
A tensión entre a tendencia demócrata, con centro na Irmandade da Fala da Coruña, e a tradicionalista, encabezada por Losada e Risco, desemboca finalmente na escisión na IV Asemblea (Monforte, 1922). Dun lado fica a Irmandade da Coruña e algunhas afíns (Vilalba, Betanzos). Doutro, o resto de agrupacións que deciden cambiar o tipo de organización ?pero non o programa? para constituíren a Irmandade Nazonalista Galega (ING), da que Vicente Risco é nomeado Conselleiro Supremo. A traxectoria da ING é curta, por mor do golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera en setembro de 1923, mais Risco ten tempo de ensaiar un tipo de organización xerarquizada e disciplinada que inicia unha certa recuperación de efectivos, que establece unha alianza co agrarismo de Basilio Álvarez e que practica o rexeitamento frontal do sistema da Restauración.
A instauración do réxime militar interrompe toda actividade política. Calvo Sotelo convence a Antonio Losada da conveniencia de colaborar co Directorio Militar, coa promesa de conceder a Galicia unha Mancomunidade como a que obtivera Cataluña en 1914. Risco, con moitas dúbidas, secunda a Losada e acepta ser deputado provincial de Ourense. Os dous promoven unha reunión das catro deputacións, que ten lugar en Santiago, para elaborar o proxecto de Mancomunidade. Pero a ditadura deriva axiña no camiño dun españolismo pechado que non admite a menor mostra de descentralización. Cando en 1925 é promulgado o Estatuto Provincial, que non deixaba oco a ningunha Mancomunidade, Risco e Losada dimiten dos seus postos e abandonan momentaneamente a política.
Entre 1925 e 1929, Risco dedica todas as súas enerxías á actividade intelectual: á revista Nós, a consolidar a sección de Etnografía do Seminario de Estudos Galegos, á produción literaria, a innumerables ensaios e artigos sobre filosofía da historia, arte e política. É un período en que a fecundidade e diversidade da súa produción acada unha magnitude extraordinaria. En 1929 négase a diluír o nacionalismo galego no experimento híbrido da ORGA e participa activamente, no ano seguinte, na reorganización do nacionalismo, nomeadamente nas provincias de Ourense e Pontevedra. É o principal impulsor da VI Asemblea Nacionalista (1930), que non consegue a reunificación total do movemento, pero si darlle un novo pulo en moitos lugares. Contribúe tamén con achegas doutrinais decisivas, entre as que salienta El problema político de Galicia. En maio de 1930 marcha a Alemaña, pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, para estender os seus coñecementos de etnografía. A visión da grave crise sociopolítica centroeuropea provoca nel unha rotunda radicalización católico-dereitista, que se manifesta nas páxinas do seu Mitteleuropa.
En 1931, coincidindo coa chegada da República, Risco e Otero Pedrayo dirixen a unión de todos os grupos nacionalistas da provincia no Partido Nazonalista Repubricán de Ourense (PNRO) como instrumento para competir nas eleccións ás Cortes Constituíntes do 28 de xuño. Coligado cos radical-socialistas e cos da ORGA, o PNRO consegue un escano para Otero Pedrayo. Risco, tamén candidato, obtén uns resultados discretos. En novembro, en protesta polo carácter laico da Constitución republicana, asina o manifesto Afirmación católica dun grupo de nacionalistas. Era o anuncio da súa pertinaz oposición a case todo o que significaba a II República, menos á posibilidade de acadar a autonomía para Galicia. En decembro adhírese por carta á fundación do Partido Galeguista (PG), aínda que por primeira vez non está presente nun gran acontecemento do devir do nacionalismo.
No seo do PG, cunha maioría de prorrepublicanos, Risco vai perdendo ascendente. Retorna ás súas prédicas illacionistas no campo das alianzas en nome da pureza nacionalista. As súas teses prevalecen por derradeira vez en 1933 e o PG preséntase en solitario ás eleccións de novembro, co resultado de que, aínda aumentando os seus votantes en toda Galicia, perde os tres deputados que tiña. Isto, unido á actitude antinacionalista dos gobernos de centro-dereita que conxelan o proceso autonómico e ás persecucións que sofre o partido despois dos sucesos de outubro de 1934, convence a maioría dos galeguistas de que só hai futuro para a autonomía e para o propio nacionalismo galego nunha alianza coas esquerdas españolas que desprace as dereitas do poder en Madrid e culmine a tramitación da autonomía. Dirixido por Castelao e Bóveda, o PG establece unha alianza con Izquierda Republicana en 1935. Risco xa non asiste á IV Asemblea do PG (abril de 1935) e deixa que sexa Otero Pedrayo quen leve o peso da oposición a esa deriva do PG cara á esquerda. Pero a asemblea apoia a alianza, o que provoca a pequena escisión da Dereita Galeguista de Pontevedra. En febreiro de 1936, ante a entrada do PG no Frente Popular, Risco e un pequeno grupo de seguidores, entre os que non figura Otero, sae do partido para fundar a Dereita Galeguista, organización que non ten tempo de consolidarse antes do comezo da Guerra Civil. Non obstante, colabora na campaña do referendo do Estatuto de autonomía, realizado o 28 de xuño.
Nos primeiros días da sublevación militar, temendo represalias polo seu nacionalismo, abxura deste e apoia publicamente o novo réxime franquista. En 1937 participa na fundación de Misión, revista católica na que publica numerosos artigos belixerantemente antimarxistas, antidemocráticos, mesmo antisemitas, e, por suposto, enxalzadores do franquismo. O mesmo fará nas súas colaboracións case diarias en La Región. Rematada a guerra, vai temperando as súas posturas até deixar por completo os pronunciamentos políticos. Como nos anos da ditadura de Primo de Rivera, volve dedicarse exclusivamente á docencia, aos estudos etnográficos, á historia e á literatura. Segue a colaborar na prensa, probablemente para complementar os seus magros ingresos de profesor, pero con temas apolíticos.
En 1945, o desexo de cambiar de ambiente e a esperanza de mellorar a súa situación económica lévano a solicitar, e gañar, a cátedra de Paidoloxía e Organización Escolar en Madrid. Con sesenta e un anos, Risco marcha á capital esperanzado con triunfar no científico e no literario. Colabora en El Español, Pueblo e La Estafeta Literaria, e traballa no Centro de Estudios de Etnología Peninsular. Tamén publica libros da máis variada temática. Pero o triunfo non chega e, desilusionado, decide volver a Ourense no curso 1948-1949. Reincorporado á súa cátedra da Escola Normal, os últimos anos da súa vida discorren entre a docencia, o faladoiro do Café Roma, as colaboracións na prensa, sobre todo en La Región, e a escritura científica e literaria. Xubilado en 1954, morre o 30 de abril de 1963, pechando co final da súa vida o capítulo do primeiro nacionalismo galego, xusto antes de que se abrise o segundo co nacemento do Partido Socialista Galego e da Unión do Pobo Galego.

Compartir:

Bibliografia selecta sobre Vicente Risco

A) SELECCIÓN DE ESCRITOS DE VICENTE RISCO

. "Preludio a toda estética futura", La Centuria, Ourense, n.º 1, (xuño 1917), p. 14-18; n.º 2, (xullo), p. 17-18; n.º 3, (agosto), p. 12-17; n.º 5, (outubro), p. 19-21; n.º 6, (novembro), p. 16-17; n.º 7, (xullo 1918), p. 20-21.
. Las Tinieblas de Occidente. Ensayo de una valoración de la civilización europea [1918], ed. de Manuel OUTEIRIÑO, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1990.
. Do caso que lle aconteceu ô Dr. Albeiros, A Coruña, Tip. El Noroeste, 1919.
. Teoría do nacionalismo galego, Ourense, Imp. La Región, 1920, [ed. crítica de Justo BERAMENDI, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2000]
. "Galiza e os partidos polítecos hespañoes", Rexurdimento (ING) , n.º 3, (febreiro 1923), p. 6-7.
. "A Galiza e o voto en Cortes. A arela mínima do nazonalismo galego", Rexurdimento (ING), n.º 7, (xuño 1923), p. 1.
. A trabe d’ouro e a trabe d’alquitrán, A Coruña, Lar, 1925.
. O lobo da xente, A Coruña, Lar, 1925.
. A Coutada, A Coruña, Lar, 1925.
. Elementos de Metodología de la Historia, A Coruña, Nós, 1928.
. O porco de pé, A Coruña, Nós, 1928.
. O bufón d’El Rei, A Coruña, Nós, 1928.
. El problema político de Galicia, Madrid, Compañía Iberoamericana de Publicaciones, 1930.
. "Nós, os inadaptados", Nós, n.º 115, (25-VII-1933), p. 115-123.
. "Folklore de Melide" e "Estudo etnográfico de Terra de Melide", en Terra de Melide, Santiago de Compostela, Seminario de Estudos Galegos, 1933.
. "Manuel Murguía", Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, VI, (1934), p. IX-XLVI.
. "Nacionalismo galego", Alento, n.º 1-2, (xullo-agosto 1934), p. 4-8; n.º 3, (setembro), p. 36-40; n.º 5, (novembro), p. 84-86; n.º 6, (decembro), p. 123-126; n.º 7-8, (xaneiro-febreiro 1935), p. 157-163. Tamén en A Nosa Terra, n.º 351, 353, 354, 355, 361, 363, 364, 365, 366, 367, (do 6-X ao 25-V-1935).
. Mitteleuropa, Santiago de Compostela, Nós, 1934.
. "Ensayos sobre el marxismo", Misión, n.º 20, (1-XII-1937), p. 10-11; n.º 21, (15-XII), p. 10-11; n.º 23, (15-I-1938), p. 10-11; n.º 24, (1-II), p. 10-11; n.º 25, (15-II), p. 8-11; n.º 26, (1-III), p. 9-13.
. El sentido espiritual de la Historia, Ourense, Suplemento de Misión (Biblioteca de Misión), 1937.
. Psicología del librepensador, Ourense, Suplemento de Misión (Biblioteca de Misión), 1937.
. "Estudios sobre el judaísmo", Misión, n.º 40, (1-X-1938), p. 9-11; n.º 41, (15-XI), p. 10-11; n.º 42, (1-XI), p. 9-10; n.º 43, (15-XI), p. 9-11; n.º 44, (1-XII), p. 9-11.
. Historia de los judíos desde la destrucción del Templo, Madrid, 1944.
. Satanás. Biografía del diablo, Madrid, Libros y Revistas, 1947.
. Historia de Galicia, Vigo, Galaxia, 1952, (Manuales de Galaxia)
. La puerta de paja, Barcelona, Planeta, 1953.
. El Libro de las Horas, Ourense, Gráficas Tanco, 1961.
. “Etnografía. Cultura espiritual”, en R. OTERO PEDRAYO (dir.), Historia de Galiza, Buenos Aires, Nós, 1962, v. 1.
. Mitología cristiana, Madrid, Editora Nacional, 1963.
. Orden y caos, Madrid, Escelicer, 1968.


B) PRINCIPAIS ESTUDIOS SOBRE VICENTE RISCO

BEIRAS TORRADO, Xosé M., “Vicente Risco e nós. Notas pra unha leria”, Grial, n.º 20, (abril-xuño 1968), p. 162-183.
BERAMENDI, Justo G.: Vicente Risco no nacionalismo galego, Santiago de Compostela, Edicións do Cerne, 1981, 2 v.
. De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007.
BOBILLO, Francisco: Nacionalismo gallego. La ideología de Vicente Risco, Madrid, Akal, 1981.
CASARES, Carlos: Vicente Risco, Vigo, Galaxia, 1981.
CONGRESO Vicente Risco (Ourense, 18-21 outubro 1995), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996.
FERNÁNDEZ, Carlos: O vento do espírito. De Vicente Risco a Ramón Piñeiro, Vigo, Galaxia, 2000.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé: Vicente Risco. Mestre de mestres, Ourense, Deputación de Ourense, 2015.
LEZCANO, Arturo: Vicente Risco, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996.
LORENZANA, Salvador (F. Fernández del Riego): “O galeguismo ideolóxico de Vicente Risco”, Grial, n.º 63, (1979).
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: “Don Vicente Martínez Risco y Agüero”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXX, n.º 351, (decembro 1969), p. 261-265.
LUGRÍS, Ramón: Vicente Risco na cultura galega, Vigo, Galaxia, 1963.
OTERO PEDRAYO, Ramón: “Lembranza do mestre Vicente Risco”, Boletín da Real Academia Gallega, n.º 351, (1969), p. 266-270.
RISCO, Antón: La obra narrativa de Vicente Risco, Ourense, Caixa Ourense, 1987.
RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, M.: “Risco e o pensamento filosófico”, Grial, XXI, n.º 80, (abril-xuño 1983), p. 131-141.
RUBIDO, Bieito, (ed.): Vicente Risco. O mestre sempre vivo, A Coruña, La Voz de Galicia- Fundación Vicente Risco, 2003.
TORRES QUEIRUGA, Andrés: “Vicente Risco entre a ortodoxia e o galeguismo”, Encrucillada, n.º 8, (1984), p. 415-432.
VARELA, José Luis: “Vicente Risco (1884-1963). In memoriam”, Arbor, (xuño 1963), p. 128-137.
VENTURA, Joaquin: O nacionalismo kármico de Vicente Risco, Santiago de Compostela, Laiovento, 2000.

Bibliografía específica sobre Vicente Risco elaborada por Xusto Beramendi. 2017.