España Libre
O Arquivo da Emigración Galega difunde en rede a dixitalización dunha parte dos números que se conservan no seu fondo hemerográfico do xornal España Libre. Órgano de las Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de [Norte] América, publicado en Nova York dende 1939 ata xuño de 1977.Esta publicación comezou a editarse tras o remate da Guerra Civil española como voceiro da entidade editora. Co estoupido da guerra a maioría da colectividade española residente nos Estados Unidos apoiou a República. Varias organizacións (de carácter rexional, político ou mutuas de socorros) decidiron crear unha asociación que unira os seus esforzos a favor da causa republicana. Fundada o 25 de xullo de 1936 foi denominada como «Comité Antifascista español» e no ano 1940 pasou a chamarse «Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos». Dedicouse a recadar fondos de axuda e a elaboración de propaganda sobre a situación española e tras a derrota da República asistiu aos refuxiados. Tamén traballou como ponte entre os exiliados que chegaban ao país e a comunidade xa establecida había anos. O seu primeiro voceiro foi Frente Popular cunha periodicidade irregular. E en 1939 comeza a editar este xornal –continuación do anterior–, para difundir as súas actividades e dar a coñecer ao público a situación política e social de España pero tamén doutros países americanos e mesmo da política europea durante a II Guerra Mundial.
Este xornal ten un marcado carácter político de esquerdas, cunha clara inspiración ideolóxica obreirista e anarquista que co paso dos anos foi abarcando outras ideoloxías como o socialismo, sempre en defensa da República española e en loita contra o fascismo. A través deste xornal propiciouse un foro de debate ideolóxico entre os distintos grupos políticos do exilio nos Estados Unidos e das sociedades que formaban parte da entidade editora. Conta con numerosas colaboracións de xornalistas e intelectuais exiliados como Álvaro de Albornoz na sección “España adentro”, Félix Martí Ibáñez “Cuadernos de bitácora”, J. Prado Rodríguez “Espejo de las horas”, Sebastián Palmer, Luis Araquitaín, Aurelio Pego, Vicente Saénz, Carmen Aldecoa, Jesús González Malo ou Indalecio Prieto entre outros moitos.
| Título | Ano | País | Lugar | Entidade | Dixitalizados |
|---|---|---|---|---|---|
| Título | Ano | País | Lugar | Entidade | Dixitalizados |
| España Libre
1939: Órgano del Comité Antifascista español de los Estados Unidos de Norte América 1940-1977: Órgano de las Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de [Norte] América |
1939 | EEUU | Nova York | Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de AméricaPublicación impresa. Entidade editora |
165 |


