Fondo Siro López de persoeiros da cultura

Fondo Siro López de persoeiros da cultura

O 30 de xaneiro de 2026 celebrouse o Día da Ilustración, que nesta edición se lle dedica a Siro López (Ferrol, 1943), referente da caricatura en Galicia. O Consello da Cultura Galega súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración coa posta na rede do fondo Colección Siro López.

Composto por 60 caricaturas máis un autorretrato, a literatura ocupa un lugar central nesta colección. Nela reúne voces fundamentais da tradición galega, española e universal, entre as que figuran nomes como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Manuel Murguía, Valle-Inclán, Federico García Lorca, Eduardo e José Blanco Amor, Rafael Dieste, Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba ou Dante Alighieri. Tamén hai autores contemporáneos como Carlos Casares, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel María, Darío Xohán Cabana, Xela Arias, Eva Veiga, Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Siro capta neles non só a identidade física, senón tamén a intensidade da palabra e o peso da obra.