Leandro Carré Alvarellos era fillo de Eugenio Carré Aldao e Purificación Alvarellos Pena, o cuarto de once irmáns que naceu en 1888 na Coruña. O seu pai foi o ilustre intelectual galeguista que comprou a Librería Regional de Andrés Martínez Salazar e a imprenta e litografía de Domingo Puga. Viviu unha infancia feliz con dúas afeccións: o debuxo e facer teatro. Acudiu á escola de Marcial Miguel de la Iglesia Vázquez e de Eduardo Corral, mais non fixo estudos superiores porque debía axudar na economía familiar e aforrar gastos, xa que a libraría de seu pai comezara o declive. Na Librería Regional acadou unha importante formación autodidacta, ademais aprendeu contabilidade e francés.
De mozo estivo empregado en La Artística, que o destinou a Porto en 1911. Ao regresar á Coruña exerceu de contable ou mesmo de encargado xeral de Cafés y Bares S.A. Casou con Carme Brandariz Eiroa e tivo un fillo que naceu en Porto (1913), posteriormente nacerían tres fillas.
A represión franquista foi contundente contra a súa familia: o seu fillo Leandro Carré Brandariz «desapareceu» en Grado (Asturias) en abril de 1937, o sobriño Uxío Carré Naya fora asasinado (28-08-1936) e o propio Carré Alvarellos padeceu a estadía no cárcere desde o 14 de agosto até o 23 de decembro do ano 1937. Durante o franquismo, debido a soportar o estigma de ser nacionalista, republicano e ex-presidiario político, tivo dificultades para atopar traballo; con todo, seguiu exercendo a contabilidade en varias empresas como Laboratorios Orzán, Industrias Morgade ou Construcións Martínez Barbeito. Foi autor de teatro, narrador, filólogo, investigador da literatura popular, etnografía, mitoloxía e lendas. Carré era un polígrafo que nunca descoidaba a divulgación dos seus estudos, dado que tiña unha visión pragmática da cultura. Por iso, as súas colaboracións en revistas, xornais ou outros medios divulgativos son moi extensas. Na actualidade está feita a recompilación bibliográfica, tanto da produción literaria e científica, como da divulgativa ou xornalística; pero aínda fica por ordenar e estudar o seu interesante epistolario.
O franquismo non paralizou o seu labor intelectual, colaborou coas publicacións do exilio, profundou en novas liñas de traballo, como as relacións con Portugal, e ingresou na Real Academia Galega. O labor cultural e a investigación nesta etapa xorden desde un illamento consciente; con todo, conseguiu o recoñecemento da diáspora galega e, mesmo, contou cun importante prestixio entre certa intelectualidade internacional, como o certifica a súa correspondencia. En febreiro de 1976 morreu este galeguista formado na Cova Céltica, ao amparo dos grandes intelectuais do século XIX; un traballador constante, sacrificado e animoso que puxo todos os azos a prol da cultura e da entidade galega.
Leandro Carré foi un dos fundadores da Irmandade da Fala, mesmo forma parte do reducido núcleo que planeou e organizou o proceso. Representou o intelectual tenaz que puxo a intelixencia ao servizo da construción do necesario para asentar a entidade cultural desde o primeiro intre: elaborou unha breve gramática didáctica en galego (1919), un vocabulario castelán-galego (1922-23), un dicionario galego (1928), colaborou n’A Nosa Terra desde os primeiros números (1916), creou e mais dirixiu teatro galego e puxo os alicerces para a creación e a socialización da narrativa moderna mediante a editorial Lar, inicialmente en sociedade con Ánxel Casal (1924). Tratábase de facer o prioritario para asentar a identidade galega e achegar instrumentos ao servizo desa finalidade, actualizar creación e estratexias culturais, mais procurando divulgar e chegar ao maior número de persoas. Os textos dedicados á política estrita, a cuestións orgánicas ou partidistas son episódicos, pois o centro da preocupación é a causa galeguista e a procura dunha ampla socialización. Consideraba urxente o labor encamiñado á construción nacional e cultural. Coa Ditadura de Primo de Rivera, despois da escisión da Irmandade Nacionalista Galega (ING), o nacionalismo organizado que mantivo unha actividade coherente estaba representado polo grupo coruñés; nese intre Carré activou o traballo cultural como unha ferramenta patriótica. En abril de 1927 documéntase a derradeira presenza na directiva da Irmandade da Fala, xusto cando asume en solitario a continuidade de Lar e abandona a dirección d’A Nosa Terra. No intervalo de colaboración da Irmandade coa Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) aparece un relaxamento do activismo, o cal podería indicar algún tipo de reticencia con esa decisión. Asemade é moi sintomático o entusiasta regreso á actividade galeguista e publicista a partir de 1931. Novamente, nos tempos máis duros do bienio negro volve aparecer o Carré loitador cos escritos de maior contido político, en explícita sintonía co Partido Galeguista.
No cincuentenario da creación da Irmandade da Fala, o Correo de Galicia de Bos Aires fixo un especial con varios autores, entre eles Leandro e Uxío Carré Alvarellos. Este último certificaba a versión do acontecemento histórico que deu Leandro e contaba a intrahistoria da constitución, na que resaltaba o protagonismo de Villar Ponte, mais tamén o activismo de Leandro Carré e Manuel Lugrís. Carré divulgou en varias ocasións o labor «enorme» da Irmandade da Fala, segundo expresión propia, consciente de que representaba un punto de inflexión na historia galega.

Compartir:

Familia Carré

Eugenio Carré Aldao cos seus fillos. De esquerda a dereita Gonzalo, Leandro,Eugenio,Luis e Carlos Carré Alvarellos

.