Lugo, 1889 – Frades, 1918

licenciouse en Dereito en Santiago e doutorouse na Universidade Central en 1914. En Madrid, á parte de relacionarse co rexeneracionismo krausista tan presente no Ateneo, entra en contacto co rexionalismo a través de Rodrigo Sanz, que fora líder de Solidaridad Gallega e do círculo de Aurelio Ribalta, editor de Estudios Gallegos, revista en que Porteiro publica algúns artigos. A súa ideoloxía democrática orienta o tema da súa tese: El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. De volta a Galicia, consegue praza de profesor na Facultade de Dereito de Santiago e é elixido concelleiro «agrario», etiqueta que reflicte as relacións que establece co movemento agrarista, para o que actúa en máis dunha ocasión como avogado defensor dos labregos nos seus enfrontamentos cos caciques e coa Garda civil. Asemade, conecta cun feixe de estudantes galeguistas de diferentes tendencias, con algúns significados republicanos e, malia a distancia ideolóxica, cos vellos rexionalistas de dereitas da época de Alfredo Brañas que agora ocupan cátedras na Universidade. Ante todos eles vai adquirindo influencia coas súas ideas, de momento ortodoxamente rexionalistas, e con iniciativas como a que presenta no concello para a creación de facultades completas de Letras e Ciencias Químicas e Naturais. Este labor previo explica que o venres 26 de maio de 1916, só oito días despois da fundación da Irmandade da Fala da Coruña, publique nos xornais santiagueses unha convocatoria «ós amantes da lingua galega» para unha xuntanza o domingo 28 no Círculo Católico de Obreiros, xuntanza en que nacerá a Irmandade de Santiago por converxencia dos tres compoñentes citados. O 1º de xuño elíxese unha directiva equilibrada, con Porteiro de Presidente, Salvador Cabeza de León, o que fora segundo de Brañas, na vicepresidencia, e unha mestura de republicanos e católicos no resto dos cargos, por exemplo, o cóengo Salustiano Portela Pazos e o líder obreiro José Pasín Romero.
Pero, pasada a euforia inicial, a convivencia entre posturas tan dispares resultará moi problemática, sobre todo cando Porteiro e os que pensaban como el intenten que as Irmandades sexan algo máis que un galeguismo de gaita e xogos florais e empecen a convertelas nun movemento político tendencialmente nacionalista. Esta tensión acada especial intensidade en Santiago, tanto, que en outubro de 1917 a dereita faise coa directiva compostelá e Cabeza de León ocupa a presidencia. Mais a dinámica do conxunto das Irmandades era outra, e xa en decembro Porteiro recupera o mando e a maior parte da dereita rexionalista abandona o grupo compostelán, que, a partir dese momento, pasa a ser, xunto co da Coruña, un dos principais impulsores da deriva cara á acción política e á definición nacionalista.
Dende o primeiro momento Porteiro é un dos principais líderes do movemento. Multiplícase nos labores de propaganda, pronunciando conferencias dirixidas preferentemente a republicanos, artesáns e labregos, participando en mitins, escribindo folletos e recrutando persoeiros clave como Antón Losada e o grupo de Ourense. En novembro de 1917, forma parte da plana maior das Irmandades, que protagoniza en Barcelona unha Semana de Galicia, invitada pola Lliga catalá. Alí, e na posterior devolución da visita de Francesc Cambó e dos seus segundos en decembro, fragua a alianza de catalanistas e galeguistas para as eleccións xerais de febreiro de 1918. Porteiro é un dos principais organizadores da campaña e, ademais, preséntase como candidato polo distrito de Celanova. As peores prácticas electorais da Restauración, malleiras polos matóns dos caciques incluídas, róubanlle o escano, malia as reclamacións e os xuízos posteriores.
A oferta coa que se presenta, que prefigura o fundamental do que será o primeiro programa do nacionalismo, aprobado en novembro de 1918 en Lugo despois da súa morte, demostra que a base democrática e socialmente reformista do seu pensamento de partida segue intacta, pero que, no que atinxe á súa consideración de Galicia, esta deixa de ser rexión e agora é nación. Unha nación en que «a soberanía reside esencialmente no pobo» e que «debe gobernarse e rexirse libremente en tódolos ordes que garden relación co pleno desenvolvemento da súa vida interna», dentro dunha Federación ibérica e cunha democracia limpa na que os representantes rendan contas continuamente aos representados. Propón ademais a redención dos foros, reformas arancelarias e fiscais, construción dos ferrocarrís, formación de capitais galegos e outras medidas para combater o atraso e a emigración.
O fracaso electoral de febreiro pon en primeiro plano a urxencia de converter as Irmandades nun instrumento político eficaz. Porteiro, Losada, Peña Novo, Villar Ponte e outros dedican o verán de 1918 a preparar un verdadeiro programa e unha reforma organizativa. Por desgraza, o andazo da gripe leva por diante a Porteiro cando aínda non cumprira os vinte e nove anos. Con el desaparece un dos poucos dirixentes que, dende a esquerda do nacionalismo nese momento, tiña capacidade para elaborar unha teoría alternativa á que pouco despois formulará Vicente Risco dende a dereita. Xa que logo, o seu pasamento foi decisivo dabondo para a evolución ulterior das Irmandades.

Compartir:

Bibliografia selecta sobre Lois Porteiro Garea

BERAMENDI, Justo: De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007
CABEZA DE LEÓN, Salvador: "Lois Porteiro", A Nosa Terra, n.º 73-74, (5-XII-1918), p. 2.
LOSADA DIÉGUEZ, Antonio: "Lembranza de Porteiro", A Nosa Terra, n.º 150, (31-X-1921), p. 2.
PORTEIRO GAREA, Luis: "Sendas triunfales", Estudios Gallegos, n.º 11, (5-VII-1915), p. 14-15; n.º 13, (5-VIII-1915), p. 12-13.
. (Conferencias dadas por... na Universidade de Santiago [16-IX-1915], folleto de A Nosa Terra, A Coruña Tip. El Noroeste, 1922.
. Discurso ó fundarse a Irmandade da Fala de Santiago (28-5-1916), Santiago de Compostela, Tip. Galaica, 1916.
. "Múseca e poesía", A Nosa Terra, n.º 8, (25-I-1917), p. 1-2.
. "Sobre la huelga de los metalúrgicos", Diario de Galicia, Santiago de Compostela, (25-II-1917), p. 1.
. "Comentarios a una carta del Sr. Ventosa", La Región, (5-II-1918), p. 1.
. Propaganda Rexionalista. Principios políticos y-económicos que se compromete a defender e apoyar co voto no Parlamento, si a el vai, o candidato por Celanova, D...., Santiago de Compostela, (xaneiro 1918), Tip. La Comercial, 1 f.
. "Palabras de un vencido", La Región, (14-III-1918), p. 1.
. "A morriña creadora. A Johan Viqueira", A Nosa Terra, n.º 61, (20-VII-1918), p. 4.
. "La Irmandade da Fala y la Semana Regionalista", La Región, (9-VIII-1918).
. "Cambó non ten a culpa", A Nosa Terra, n.º 69, (15-X-1918), p. 3.
. A los gallegos emigrados, A Coruña, La Papelería Gallega, s.a. [1918]
. “Socialistas e radicás”, A Nosa Terra, n.º 63, (10-VIII-1918).
PROPAGANDA Regionalista. Extracto de los discursos pronunciados por los Sres. Porteiro y Cambó en Barcelona, Suplemento de Gaceta de Galicia, s.d. [11-12-1917], Santiago de Compostela, Imp. La Comercial, 2 p. FP-FVP.

Bibliografía específica sobre Lois Porteiro Garea elaborada por Xusto Beramendi. 2017.