Urbano Feijoo

----

Urbano Feijoo

As expedicións da
«Compañía Patriótico-Mercantil» (1854)

O Consello da Cultura Galega publica na súa web varios expedientes e informes relativos ás expedicións de traballadores galegos levados á illa de Cuba no ano 1854 polo empresario galego Urbano Feijoo Sotomayor, fundador da Compañía Patriótico-Mercantil. Os documentos van acompañados da súa transcrición. Tamén podes consultar varios materiais que completan a súa información. Agardamos que sirvan para difundir e coñecer un episodio tan dramático e transcendental para a colectividade galega asentada en Cuba e o desenvolvemento do fenómeno migratorio dos anos posteriores.
O noso agradecemento ao profesor Luis T. González del Valle pola cesión da documentación, á profesora Ascensión Cambrón, autora do artigo que se pode consultar neste especial e unha grande experta no tema, e á novelista Elisa Vázquez de Gey, autora da biografía de Urbano Feijoo.

Urbano Feijoo Sotomayor y Cejo

Urbano Feijoo Sotomayor y Cejo

- URBANO FEIJOO SOTOMAYOR E A «PATRIÓTICA EMPRESA DE AXUDA A CUBA E SALVACIÓN DE GALICIA» por Elisa Vázquez de Gey.
Biografía escrita pola coñecida novelista histórica, gran coñecedora da súa figura e da vida cotiá e política da vida colonial da illa de Cuba.

- A RAZÓN DE ESTADO E OS DEZ MANDAMENTOS. O PROXECTO DE URBANO FEIJOO E AS SÚAS DERIVADAS NA EMIGRACIÓN GALEGA. CUBA, 1853-1856 por Ascensión Cambrón.
Artigo da profesora Ascensión Cambrón, grande experta sobre a época colonial na illa de Cuba e os movementos sociais e políticos do momento. Entre outras, ten obras sobre o pensamento e a obra de Ramón de la Sagra ou as repercusións das expedicións de Urbano Feijoo na política española dese momento.

Plano da cidade da Habana en 1853

Plano da cidade da Habana en 1853

Plano da cidade da Habana no ano 1853 cando Urbano Feijoo Sotomayor estaba a crear a Compañía Patriótico-Mercantil.
Ver imaxe ampliada

Mapa histórico da illa de Cuba

Mapa histórico da illa de Cuba

A chamada «perla das Antillas» foi colonia española ata 1898. Este mapa é da época das expedicións de colonos galegos levados á illa pola empresa de Urbano Feijoo. A Compañía Patriótico-Mercantil tiña dous obxectivos principais: substituír a man de obra escrava por traballadores peninsulares baratos e branquear a poboación da illa. O mapa atópase nos fondos da Biblioteca Nacional de España.
Ver documento orixinal

1ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata  Villa de Neda o 10 de marzo de 1854 con 315 traballadores

1ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Villa de Neda o 10 de marzo de 1854 con 315 traballadores

Documento de 14 páxinas manuscritas, numeradas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figuran varias relacións de liquidacións, todas referidas a traballadores da primeira expedición, nas que aparece a súa situación: 103 colonos foron traspasados á Real Junta de Fomento; outros acabaron traballando nas facendas de Francisco Yraola, José Suárez Argudín, coñecido home de negocios de orixe asturiana que fixo fortuna en Cuba, e o conde de Jaruco. Tamén constan os traballadores que morreran (coa data de falecemento), desertaran (con data da fuga) ou rescindiran os seus contratos (só 3); noutra relación aparecen os homes que trasladaron a Trinidad e foron postos a disposición do capitán xeneral de Cuba, co seu contrato rescindido por decreto das Cortes.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

2ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Villa de Gijón o 22 de abril de 1854 con 213 traballadores

2ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Villa de Gijón o 22 de abril de 1854 con 213 traballadores

Documento de 8 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a liquidación contable xeral presentada pola empresa de inmigración dos traballadores galegos chegados a Cuba na segunda expedición.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

4ª Expedición: chegada ao porto da Habana do Bergantín Juanita o 23 de maio de 1854 con 175 traballadores

4ª Expedición: chegada ao porto da Habana do Bergantín Juanita o 23 de maio de 1854 con 175 traballadores

Prego de 11 páxinas manuscritas,con sinatura autógrafa e sen cuño. Neste documento figura a relación dos traballadores que formaban parte desta cuarta expedición e as empresas ou facendas ás que foron traspasados. Hai varios casos que acabaron no cárcere de Cárdenas e dos que non se coñece o paradoiro. Nesta relación hai 34 colonos que morreron (consta a data de falecemento).
Ver documento orixinal
Ver transcrición

3ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Nueva Luisa o 24 de maio de 1854 con 181 traballadores

3ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Nueva Luisa o 24 de maio de 1854 con 181 traballadores

Documento que consta de 9 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a liquidación presentada pola empresa de inmigración, que comprende 181 traballadores galegos chegados na terceira expedición. A maioría destes homes foron trasladados ás propiedades de varios donos de facendas da illa como Germán Mark, José Suárez Argudín, Antonio de Beitia y Zayas e Francisco Maetzu. 50 homes foron traspasados á Real Junta de Fomento de Cuba.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

5ª Expedición: chegada ao porto da Habana do Bergantín Nuevo Feliz o 2 de xuño de 1854 con 156 traballadores

5ª Expedición: chegada ao porto da Habana do Bergantín Nuevo Feliz o 2 de xuño de 1854 con 156 traballadores

Documento que consta de 7 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figuran varias liquidacións feitas pola empresa de inmigración sobre os traballadores trasladados a Cuba na quinta expedición.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

6ª Expedición: chegada ao porto da Habana da  Fragata Nemesia o 28 de xuño de 1854 con 217 traballadores

6ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Nemesia o 28 de xuño de 1854 con 217 traballadores

Prego que consta de 9 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a liquidación xeral dos traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil chegados á illa de Cuba na sexta expedición.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

7ª Expedición: chegada ao porto da Habana da  Fragata Guía de Vigo o 28 de xuño de 1854 con 190 traballadores

7ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Guía de Vigo o 28 de xuño de 1854 con 190 traballadores

Documento que consta de 9 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a liquidación xeral dos traballadores galegos que chegaron á illa de Cuba coa Compañía Patriótico-Mercantil de Urbano Feijoo Sotomayor.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

8ª Expedición: chegada ao porto da Habana da  Fragata Abella o 27 de agosto de 1854 con 296 traballadores

8ª Expedición: chegada ao porto da Habana da Fragata Abella o 27 de agosto de 1854 con 296 traballadores

Documento de 13 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño, no que figura a liquidación xeral dos traballadores galegos traídos a Cuba pola empresa de Urbano Feijoo na última expedición do proxecto.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

Relación contable dos traballadores das oito expedicións da Compañía Patriótico-Mercantil

Relación contable dos traballadores das oito expedicións da Compañía Patriótico-Mercantil

Documento que consta de 17 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a relación de 500 traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil que remataron a súa aclimatación e foron entregados ao capitán xeneral de Cuba para traballar nas obras públicas da cidade da Habana, especificando a expedición de chegada á illa.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

Relación nominal dos colonos galegos da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados ao depósito do goberno da Capitanía xeneral de Cuba, 27 de xuño de 1855

Relación nominal dos colonos galegos da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados ao depósito do goberno da Capitanía xeneral de Cuba, 27 de xuño de 1855

Prego que consta de 3 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e cuño do goberno da capitanía xeneral de Cuba. Figura a relación nominal de 139 traballadores levados á illa en varias expedicións da Compañía Patriótico-Mercantil; consta o nome do barco en que viaxaron dende Galicia, a compañía militar en que realizaron o servizo militar e a empresa ou facenda en que estaban a traballar. Todos eles teñen a cualificación facultativa de "inútil".
Ver documento orixinal
Ver transcrición

Informe coas liquidacións contables de 139 traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados ao Depósito de Emancipados da Habana, 4 de xullo de 1855

Informe coas liquidacións contables de 139 traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados ao Depósito de Emancipados da Habana, 4 de xullo de 1855

Prego que consta de 7 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figura a relación de 139 traballadores que con data 27 de xuño de 1855 se atopaban no Depósito de Emancipados da capitanía xeneral de Cuba. Especifícase o barco en que chegaran á illa, a súa procedencia anterior e o estado contable dos pagos realizados e das débedas que teñen coa empresa.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

Expediente coa relación de traballadores galegos da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados á empresa Noriega, Olmo y Compañía

Expediente coa relación de traballadores galegos da Compañía Patriótico-Mercantil traspasados á empresa Noriega, Olmo y Compañía

Prego encadernado que consta de 13 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figuran seis informes coa relación nominal dos integrantes das brigadas e cuadrillas organizadas cos traballadores traídos pola empresa de Urbano Feijoo á illa de Cuba e que foran traspasados a esta empresa.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

Expediente coa situación contable dos traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil trasladados ao Cuartel de Cruces en Cienfuegos

Expediente coa situación contable dos traballadores da Compañía Patriótico-Mercantil trasladados ao Cuartel de Cruces en Cienfuegos

Documento que consta de 8 páxinas manuscritas, con sinatura autógrafa e sen cuño. Figuran varias relacións de colonos galegos da empresa de inmigración que pasaron polo cuartel de Cruces ben para recibir asistencia médica, ben porque realizaron alí o servizo militar. Aparecen especificados os créditos e débitos que tiñan coa Compañía.
Ver documento orixinal
Ver transcrición

<cite>Isla de Cuba. Inmigración de trabajadores españoles</cite>, A Habana, 1853

Isla de Cuba. Inmigración de trabajadores españoles, A Habana, 1853

Memoria escrita por Urbano Feijoo Sotomayor co obxectivo de xustificar e divulgar o seu proxecto para a contratación de colonos galegos para a illa de Cuba. Para tal fin creou a Compañía Patriótico-Mercantil. No texto aparecen especificadas as condicións laborais, así como os dereitos e deberes que terían estes traballadores durante a súa estancia na illa.
Poñemos este libro a disposición das persoas interesadas, cuxo orixinal está na Biblioteca de Galicia.
Ver documento orixinal

Urbano Feijoo Sotomayor e a «Patriótica Empresa de axuda a Cuba e salvación de Galicia» por Elisa Vázquez de Gey

[2022-08-31]Urbano Feijoo Sotomayor nace en 1808 na casa familiar de Bamio, parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, concello de Coles, provincia de Ourense. A súa infancia transcorre no seo dunha familia numerosa –cinco varóns e unha muller– que responden aos nomes de Castor, Urbano, Jaime, Amalia, Camilo e Tadeo, os seis fillos do intendente xeneral do exército, José Feijoo Sotomayor Marquina e da súa esposa Manuela Cejo y Montes.

A traxectoria de Urbano sería incomprensible sen estar ao tanto da enorme influencia que sobre el exercen os seus irmáns Castor, Jaime e Camilo, os tres militares con parecidas aspiracións sociais e idéntico modus operandi en manexos de dubidosa legalidade.

No que compete a Castor Feijoo Sotomayor Cejo, consérvanse poucos datos, aínda que son significativos: casado e con fillos, en 1852 é coronel de reserva destinado en Guadalaxara como primeiro comandante do Terceiro Batallón do Rexemento de Infantería de SM a raíña. Un ano despois figura como propietario da mina Virgen del Pilar en Rata (Guadalaxara) e a partir de 1865 é presidente da Compañía de Ferrocarril de Córdoba Espiel y Belmez, destinada a construír un tramo de liña férrea para transporte do mineral extraído nas minas. O goberno revócalle a concesión cando se descobre que, con artimañas financeiras, as contratas pasan de man en man e cada cambio de contratista paraliza as obras. A Compañía presenta suspensión de pagos en 1875.

En canto a Urbano Feijoo Sotomayor Cejo, tamén militar aínda que de menor rango, sabemos que casa con Carlota Álvarez Robleda y Sanz fixando a súa residencia en Viana do Bolo. De carácter ambicioso e verbo locuaz, curtido en preitos e litixios, cando remata a I Guerra Carlista desexa afastarse do exército e, sabedor das grandes fortunas que se amasan alén mar, embarca con destino a Cuba na compaña do seu irmán Jaime.

Na Habana utiliza os seus contactos militares para obter prebendas e licenzas. Emulando a Castor, primeiro logra unha concesión para construír o tramo ferroviario da Macagua a Santa Clara no Ferrocarril Central de Cuba; pouco despois xa figura como accionista do Camino de Hierro de Sagua; en paralelo, os seus frecuentes paseos polo palacio dos capitáns xerais ábrenlle as portas á administración e é nomeado vogal da Junta de Auxilio de la Población Blanca da Habana.

Urbano é ademais, o flamante propietario do Depósito de Publicaciones nacionales y extranjeras de La Habana e subscribe contratos con autores de primeira liña que desexan difundir as súas obras en Ultramar, como é o caso do escritor José Zorrilla, residente en Francia, que contrata con Feijoo Sotomayor en 1852 a distribución en exclusiva de dúas das súas obras.

Continuando coa familia, Jaime Feijoo Sotomayor Cejo, militar, solteiro e novo, viaxa cara a Cuba na compaña de Urbano. Acababa de chegar á illa cando é invitado á casa de don Salvador Lapaza de Martiatu, viúvo e pai de cinco fillos, dos cales tres son mulleres. Unha delas, Manuela, está solteira. Os Lapaza de Martiatu –familia crioula de ascendencia biscaíña cuxa fortuna procedía da trata de negros– posúen enxeños de azucre, plantacións de café, accións, casas e enormes negradas que chegan ao millar de escravos. Jaime Feijoo Sotomayor e Manuela Lapaza de Martiatu non tardan en casar. Tras a voda instálanse na localidade francesa de Baiona e, posto que xa non residen en Cuba, asinan poderes universais a Urbano para que administre as súas propiedades e os represente na illa. Jaime morre axiña e sen testar, deixando viúva e dúas fillas das que Urbano pasa a ser responsable legal.

Xusto neste momento aparece en escena o outro irmán, Camilo, que se presenta na Habana entrada a década de 1850. Aposto militar nos trinta, condecorado e solteiro, chega precedido de enorme prestixio por contar coa amizade da raíña; é un feito coñecido que, na noite do 7 de outubro de 1841, o daquela capitán da Guardia Real Camilo Feijoo fixera fronte con encomiable ousadía aos xenerais Gutiérrez de la Concha e Diego de León cando pretendían acabar coa rexencia de Espartero asaltando o Palacio Real e secuestrando a Isabel II. Camilo, puxo a salvo á nena raíña, lealdade que Isabel ten moi presente e á que corresponde amosando proximidade á persoa do seu fiel gardián.

En Cuba Camilo Feijoo é coronel do rexemento de armas Habana nº 6 e por suposto frecuenta a Urbano e a súa cuñada Manuela que dende 1852 garda obrigado loito por Jaime. Entre ambos os dous irmáns e Manuela encadéanse visitas, entrevistas e negociacións que cristalizan en 1856 cando se celebra o matrimonio –con dispensa eclesiástica, por ser parentes– da dama viúva Manuela Lapaza de Martiatu co irmán do seu defunto esposo, o coronel do exército don Camilo Feijoo Sotomayor y Cejo, un enlace de conveniencia que blinda o patrimonio de ambas as dúas familias. Por interese económico dous irmáns casaron coa mesma muller.

Anos antes, en 1844, morrera o pai de Manuela. O seu fillo varón lexítimo, Salvador Domingo de la Santísima Trinidad Lapaza de Martiatu, herda a maioría das propiedades familiares. Inexplicablemente ao pouco tempo Salvador comeza a amosar indicios de grave desvarío mental. En 1846 abandona sen avisar o seu posto de subdelegado da Mariña e marcha de Cuba. Antes de partir asina plenos poderes deixando as súas posesións en mans do seu cuñado a cambio dun arrendo anual e noméao o seu titor.

Velaquí a clave do fulgurante ascenso de Urbano: da noite á mañá administra importantes bens alleos e convértese en titor dun demente adiñeirado.

O escenario podería terlle proporcionado prestixio, recoñecemento social e unha certa popularidade –de feito a prensa habaneira eloxia a Feijoo como «gallego de nación de estirpe militar, rico empresario y hacendado con intereses en campo y ciudad»–, pero nada máis lonxe da realidade: Urbano é incapaz de negociar cos donos das facendas, carece de experiencia como administrador, inviste en compañías deficitarias e dilapida fortunas que non lle pertencen. Si ben nun primeiro momento consegue disimular o caos das súas finanzas, en 1853 o desastre xa é de coñecemento público.

Talvez como unha fuxida cara adiante ou nun intento final de saír do apuro, Urbano Feijoo comeza a rumiar un novo proxecto: a Compañía Patriótico-Mercantil.

Os anos 1853 e 1854 son para Galicia tempo de fames e na Habana a Junta Central de Socorros –da que Urbano tamén é vogal– prepara unha acollida masiva de galegos pobres como colonos. A iniciativa é beneficiosa para Galicia pero tamén para Cuba posto que, prohibida la trata, la escasez de brazos esclavos se ha hecho sentir […] el cólera ha arrebatado de las fincas muchos miles de negros […] y urge traer braceros.

Esta é a orixe da idea trazada por Urbano coa inestimable colaboración do seu irmán Camilo que manexa en Madrid os fíos: a Patriótica Empresa de ayuda a Cuba y salvación de Galicia, un proxecto de colonización «filantrópico y benefactor», que pretende trasladar á Habana miles de galegos con contratos míseros. Amparado como estaba o proxecto por un Privilexio Real, si as cousas saíran tal como esperaba Feijoo toda a inmigración da Illa permanecería durante anos en mans dun particular. Tan confiado está o promotor no éxito da súa empresa que, meses antes de obter a concesión en firme, xa os seus homes de confianza recrutan traballadores en Galicia de aldea en aldea, asinan contratos, proporcionan pasaportes, organizan traslados e concertan fretes completos de buques migratorios. En seis meses, de marzo a agosto de 1854, o porto da Habana ve chegar oito expedicións: 1.744 galegos libres, brancos, católicos e súbditos do reino de España, desembarcan en Cuba e acaban escravizados.

Feijoo, o mesmo que o ilustre doutor Tomás Romay –responsable da aclimatación e da saúde dos traballadores– defende que Un gallego ha de hacer el mismo trabajo que dos negros y al precio que cuesta un esclavo, pero ao cabo de dous meses morreran trescentos homes. Os galegos ven que as condicións non son as do contrato que asinaran e rebélanse; os capataces impóñenlles a mesma regra –látego e cepo– que aos escravos africanos. Moitos logran fuxir e deambulan feridos, dementes, mendigando comida. A orde pública aprésaos e péchaos en depósitos de cimarróns. Nas cartas que envían ás súas familias evidénciase o engano. En Galicia érguense voces e o asunto chega ás Cortes.

Ante o desastre da súa iniciativa Feijoo desaparece e a empresa queda en mans de representantes. Instalado en Madrid ocupa a súa cadeira de deputado e redacta Isla de Cuba, unha memoria exculpatoria na que intenta xustificar o fracaso do proxecto.

Na Habana deixa o caos: cincuenta e oito demandas de acredores por mala xestión en enxeños e propiedades enuméranse anexadas ao cartafol da Empresa Patriótico-Mercantil. Nos xulgados esperan outras tantas por débedas e litixios relacionados coa súa nefasta administración. En Madrid tamén hai preitos activos contra Feijoo, o máis sanguento é o «Pleito del curador “ad bona” del demente Salvador Martiatu contra Urbano Feijoo de Sotomayor sobre el arrendamiento de sus bienes».

A Patriótica Empresa finalmente revélase como escravitude encuberta e as Cortes rematan a cuestión: a compañía é disolvida; os traballadores quedan libres das obrigas asinadas e ofréceselles a posibilidade de regresar a Galicia ou de permanecer en Cuba.

Dous anos despois o Goberno saca a venda pública os bens privativos que o promotor posúe na Illa. O coronel Camilo Feijoo Sotomayor merca todas as propiedades.

A vida de Urbano prosegue entre Cuba e España. Por suposto non abandona a política e ao longo de case trinta anos recibe a súa acta de deputado a Cortes en tres ocasións: en 1854, por Ourense; en 1872, por Verín (Ourense); e en 1881 por Matanzas (Cuba).

Case octoxenario, retírase á súa vila natal. O seu admirado irmán Camilo que dende 1873, posúe os títulos de Marqués de Santa Ildaura, Vizconde de San Rosendo e Comandante do porto de Mallorca, morre dunha pulmonía fulminante en febreiro de 1893.

Sen descendencia, Urbano Feijoo Sotomayor outorga testamento mancomunado coa súa esposa Carlota Álvarez Robleda y Sanz designando herdeiros, a partes iguais, a Tadeo, o irmán menor de Urbano e aos seus sobriños, os fillos de Castor, Amalia e Camilo.

Urbano Feijoo Sotomayor falece o 10 de agosto de 1898 en Viana do Bolo.

Un galego ha facer o traballo de dous negros polo prezo que custa un escravo, Urbano Feijoo Sotomayor non só pensou e pronunciou as palabras coas que se remata esta a súa biografía, senón que as puxo por escrito e as defendeu contra vento e marea. Talvez por iso a historia reservou un espazo sombrizo e impreciso para o noso protagonista. Hai afirmacións que retratan a quen as emite.

BIBLIOGRAFÍA
Feijoo Sotomayor, Urbano (1853): Isla de Cuba. Inmigración de trabajadores españoles: documentos y memoria escrita sobre esta materia. A Habana: Imprenta de J.M. Eleizegui.
Feijoo Sotomayor, Urbano (1855): Cuestión de Cuba.Madrid: Imprenta de Julián Peña.
Barcia Zequeira, María del Carmen (2007): «Otra vuelta de tuerca a los gallegos de Feijóo». En Cagiao Vila, Pilar; Guerra, Sergio: De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba. Santiago de Compostela: Universidade; 13-39.
Camargo, C. (2018): «1853 año del hambre en Galicia. Urbano Feijóo Sotomayor», Cuadernos de Domingo Fontán , (febreiro), 7-16.
Cambrón Infante, Ascensión (2000): «Emigración gallega y esclavitud en Cuba (1854). Un problema de Estado», Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, 4, 83-108.
Cambrón Infante, Ascensión (2022): «A razón de Estado e os Dez Mandamentos. O proxecto de Urbano Feijoo e as súas derivadas na emigración galega. Cuba, 1853-1856», Urbano Feijoo. As expedicións da «Compañía Patriótico-Mercantil», Consello da Cultura Galega, xuño 2022.
Pérez Bustamente, Rogelio (2014): El abogado Manuel Cortina y su época (1802-1879). Valencia: Tirant lo Blanch.
Vázquez de Gey, Elisa (2015): Una casa en Amargura. Barcelona: Ediciones B.
Villacorta, A. et. al. (2015): «Las listas de Feyjóo. Gallegos por esclavos», Programa Crónicas, (2 de outubro),( La 2 RTVE).

FONTES DOCUMENTAIS
Archivo General de Indias (1855): Documentos relativos a la Contrata que se hizo con Don Urbano Feijoo Sotomayor para la emigración de colonos gallegos a Cuba, Sección de Diversos, Serie 3, Legajo 46.
Archivo Histórico del Ilustre Colegio de Abogados de Madrid (1855): «Pleito del curador “ad bona” del demente Salvador Martiatu contra Urbano Feijoo de Sotomayor sobre el arrendamiento de sus bienes»: Archivo del Excmo. Señor Don Manuel Cortina, rexistro nº. 1165, caixa 74, legajo 49. Nº doc.: 1168.
Archivo Histórico de Protocolos de Madrid (1851-1853): «Contrato entre el escritor José Zorrilla y Urbano Feijoo de Sotomayor, propietario del Depósito de Publicaciones nacionales y extranjeras de La Habana, para la distribución en Cuba de las obras de Zorrilla tituladas 'Granada' y 'Cuento de cuentos', 1852»: Registro del Consulado de París (Francia), de 3 decembro de 1851 a 17 outubro de 1853.
Archivo Histórico Provincial de Ourense (1878): «Testamento de fecha de seis de diciembre de 1878 otorgado por Don Urbano Feijoo Sotomayor natural de Bamio, ayuntamiento de Coles, vecino de Viana del Bollo y su esposa Doña Carlota Álvarez Robleda y Sanz, vecina de Viana del Bollo, instituyéndose en herederos en absoluto el uno del otro»: Protocolo de Don Ignacio Barros notario de Villavieja.